Os senadores do PP de Lugo denuncian a parálise da A-56 e o abandono absoluto da N-540 por parte do Goberno de Sánchez

Tamén reclaman o arranxo integral da N540, a única conexión por estrada entre Lugo e Ourense, unha vía moi deteriorada que entre 2020 e 2024 rexistrou 877 accidentes, 102 directamente relacionados co mal estado do firme.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano-, denunciaron hoxe a absoluta falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coas infraestruturas viarias da provincia, en especial coa autovía Lugo–Ourense (A-56) e coa estrada nacional N-540, “hoxe convertida nun auténtico perigo para os usuarios polo desleixo e a falta total de mantemento”.

Os senadores populares alertan de que a A-56, unha infraestrutura estratéxica para vertebrar o interior de Galicia e conectar dúas capitais de provincia, leva anos completamente paralizada. “Non hai calendario, non hai orzamentos e non hai vontade política. O Goberno fala de estudos, de corredores e de revisar proxectos, pero a realidade é que non se avanza absolutamente nada”, criticaron.

Lembran que desde setembro de 2020 só se puxeron en servizo 8,8 quilómetros da autovía, mentres o resto dos tramos continúan bloqueados, con tramitacións administrativas paralizadas e declaracións de impacto ambiental caducadas. “Cinco anos despois, o balance é demoledor: propaganda cero, obras cero e compromisos cero”, subliñan.

Pero se grave é a parálise da A-56, máis grave aínda, advirten os senadores do PP de Lugo, é o estado “terceiromundista” da N-540, a vía que actualmente soporta todo o tráfico entre Lugo e Ourense. 

“O Goberno de Sánchez condena aos veciños de Lugo e Ourense e aos transportistas a circular por unha estrada chea de fochancas, co firme degradado, sen mantemento e con tramos practicamente intransitables, que poñen seriamente en risco a seguridade viaria”, denuncian.

Os senadores do PP lembran que entre 2020 e 2024 rexistráronse 877 accidentes nesta estrada, 102 deles directamente relacionados co mal estado do firme. “Estamos a falar dunha vía perigosa, abandonada e sen unha reforma integral real, a pesar dos anuncios baleiros do Goberno”, afirman.

Poñen como exemplo o tramo de Pereira, en Chantada, “onde o Ministerio se limita a colocar sinais amarelas e conos para advertir do desastre, pero sen executar as obras necesarias”. “Isto non é mantemento, é unha tomadura de pelo aos usuarios”, critican.

Os representantes lucenses consideran “inadmisible” que, mentres o Goberno do Estado bloquea a autovía A-56, tampouco é capaz de garantir unhas condicións mínimas de seguridade na N-540, a única conexión por estrada entre Lugo e Ourense. “É unha dobre condena para ambas cidades: sen autovía e cunha nacional abandonada”, denuncian.

Neste contexto, o PP rexistrou unha moción no Senado para esixir ao Goberno que manteña a A-56 como autovía de altas prestacións, que presente un cronograma real con prazos e orzamentos e que execute de maneira urxente unha rehabilitación integral da N-540. 

“Agora tocaralles aos senadores socialistas votar se están cos veciños ou co abandono do seu propio Goberno”, conclúen.

Comparte éste artículo
No hay comentarios