Amigas das Árbores esixe accións urxentes trala sentenza do Supremo que condena o «desleixo» institucional no Limia

A asociación ecoloxista insta á Xunta, ao Estado e ás administracións locais a abandonar a inacción e activar un plan de choque inmediato para salvar a conca do río e protexer a saúde pública.

Trala ratificación por parte do Tribunal Supremo da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o colectivo Amigas das Árbores denuncian que, xa non quedan escusas legais para manter a agonía ambiental do Val do Limia. A xustiza confirmou o que a veciñanza leva anos sufrindo: un «desleixo e inacción» sistemática por parte da Xunta de Galicia e o Estado español ante a grave contaminación da conca.

A resolución xudicial do ano 2025 non só é un tirón de orellas político, senón un imperativo legal. O Tribunal recoñece que a falta de control sobre os vertidos e a xestión deficiente dos residuos gandeiros provocaron un dano crítico nos ecosistemas e poñen en risco a saúde dos habitantes da comarca.

«Preguntámonos cando pensan comezar a traballar», declaran dende Amigas das Árbores. «A sentenza é clara: o tempo das palabras e das mesas de debate sen orzamento rematou. Esiximos un cronograma de actuacións con nomes, apelidos e partidas económicas.»

Dende a asociación esixen que Concellos, Deputación, Xunta e Confederación Hidrográfica activen de xeito coordinado:

  1. Aplicación do principio de precaución: Paralización inmediata de calquera actividade que incremente a carga contaminante mentres os niveis de nitratos e fosfatos non estean baixo control.
  2. Controis efectivos e sancións: Inspeccións reais e permanentes en orixe, acabando coa impunidade dos grandes contaminadores.
  3. Plan de restauración integral: Accións directas para rexenerar os ecosistemas acuáticos e as ribeiras estragadas, devolvéndolle a vida ao río Limia.
  4. Transparencia total: Publicación semanal dos datos de calidade da auga e dos acuíferos para que a poboación sexa consciente do risco real para a saúde.

Amigas das Árbores lembra que a saúde do Val do Limia é un dereito fundamental, non un privilexio negociable. O colectivo advirte que permanecerá vixiante e que, de non producirse un xiro de 180 graos na xestión ambiental, acudirán de novo ás instancias necesarias para forzar o cumprimento estrito da sentenza. «O desleixo institucional é unha forma de contaminación máis. O Limia non pode esperar máis pola súa vida.» Comentan Amigas das Árbores de Ourense

Comparte éste artículo
No hay comentarios