O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno de hoxe, onde se avanzou en distintos asuntos relacionados coas áreas de Mobilidade e Infraestruturas, Participación e Educación. A Xunta de Goberno aprobou unha modificación do contrato do autobús urbano que permitirá duplicar o número de servizos que chegan ata Nadela. Para isto, modifícanse as liñas 1.2 e 5.2-5DS, «o que permite facer un aforro de quilómetros para que a liña 3.2 amplíe en catro servizos o seu percorrido, chegando ata Nadela, ademáis de mellorar a puntualidade da 5.2», explicou Arroxo.
No caso das liñas 5.2 e 5DS, reducíronse os xiros en Ramón Ferreiro, adiantando o xiro ao cruce con Salvador de Madariaga no canto de facelo na Praza Xaquín Lourenzo, o que supón un aforro de 2 minutos por volta, ata un total de 30 minutos diarios en 15 voltas, atendendo así ás demandas da veciñanza de Castelo ante os retrasos desta liña. Ademais, a liña 1.2 verá modificado o seu traxecto nas fins de semana, circulando pola Avenida Infanta Elena no canto de Benigno Rivera, o que permite gañar quilómetros para que a liña 3.2, que xira na Nacional VI á altura do Torre de Núñez, poida subir catro veces ao día ata Nadela. Deste xeito, Nadela pasará de contar con catro expedicións diarias a ter oito: catro da liña 11 (10:00, 12:00, 17:00 e 20:50) e catro da liña 3.2 (08:30, 13:30, 15:30 e 18:30), mellorando de maneira significativa o servizo público de transporte neste núcleo.
Por unha banda, iniciouse o procedemento de licitación para a renovación da rampa de acceso á Praza de Abastos pola rúa Tuñas Bouzón, logo de detectarse un problema estrutural na infraestrutura existente. A obra, cun prezo de licitación de 122.041,46 € e un prazo estimado de execución de 3 meses, «permitirá alongar a rampa, reducindo a pendente e aumentar a comodidade das persoas usuarias, ao mesmo tempo que melloramos as condicións de accesibilidade aproveitando o espazo ata a liña de fachada da Praza de Abastos», dixo o Tenente Alcalde.
A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación de novas actuacións de mellora en infraestruturas municipais. No cemiterio municipal adxudícanse a Sanle os traballos de asfaltado das rúas 1 e 2 por un importe de 120.195,48 €, coa finalidade de substituír o antigo rego asfáltico, moi deteriorado, e continuar coa renovación progresiva da rede viaria interior. «Instalarase un novo pavimento de formigón impreso reforzado con malla de aceiro e novos sistemas para a recollida de augas pluviais e novas canalizacións para servizos eléctrisos», afirmou Arroxo, que anunciou tamén a adxudicación a Sanle as obras de mellora da rúa Picasso, unha pequena rúa peonil entre Ronda de Fingoi e rúa Armórica, moi utilizada como acceso ao centro de saúde de Fingoi. O contrato, adxudicado por un importe de 83.366,66 €, inclúe a renovación da beirarrúa, a creación dun novo espazo axardinado, a instalación de alumeado público –inexistente na actualidade– e a mellora do saneamento.
No ámbito dos mercados municipais, aprobouse a renovación dun posto no mercado de Frisa unha vez que a persoa titular acreditou a regularización da súa situación tributaria. Existía un posto pendente desta regularización, que agora queda solventada, permitindo a continuidade da súa actividade en condicións de plena legalidade.
A Xunta de Goberno aprobou tamén a imposición dunha sanción á empresa que xestiona as actividades extraescolares municipais, motivada por reiterados incumprimentos e desobediencias ás instrucións marcadas polo Concello de Lugo. A penalización, fixada no 5% do importe do contrato, ascende a 2.572,91 €, dentro da marxe prevista entre o 1% e o 10% en función da gravidade das infraccións detectadas.
A Xunta de Goberno abordou tamén a situación das obras da rúa Milagrosa. En primeiro lugar, acordouse a inadmisión da solicitude de modificación do contrato e da recusación da dirección de obra presentada pola empresa adxudicataria. O Concello considera que a renovación do saneamento é economicamente viable a través da liquidación e da reaxuste doutras partidas do contrato, polo que non ve xustificada a tramitación desta modificación «nin resulta admisible que se pretenda a substitución dos técnicos municipais encargados da dirección de obra, que deben velar polos intereses xerais», explicou Rubén Arroxo.
En segundo lugar, e ante o atraso acumulado, acordouse suspensión do contrato coa empresa Urbaconsa Lugo SL pola execución das obras da rúa Milagrosa. A obra comezou o 21 de xullo de 2025 cun prazo de execución de 9 meses. «A día 18 de febreiro, apenas acada un 9,8% de execución cando o normal sería atoparse preto do 80%, permanecendo paralizada de facto desde o 19 de decembro malia as instrucións da dirección de obra», dixo Rubén Arroxo.
O retraso, cualificado como totalmente inxustificado, supera amplamente o límite previsto na Lei de Contratos do Sector Público, que nos seus artigos 193 e 211.1-F permite a resolución cando o atraso acumulado excede o 30% respecto do avance previsto, o que habilita ao Concello para adoptar esta medida. Esta decisión, tomada a proposta da dirección de obra e dos servizos técnicos municipais, implica a apertura dun prazo de alegacións para a empresa e, posteriormente, o inicio dun novo procedemento de licitación, que podería demorarse entre 3 e 4 meses, alongando os prazos da actuación mais garantindo a súa correcta execución «e evitando aceptar modificacións contractuais que poidan comprometer o interese público», explicou o Tenente Alcalde.