A institución acadou tres proxectos na convocatoria 2025 das MarieSkłodowska-Curie Postdoctoral Fellowships, unha das máis competitivas do programa Horizonte Europa.
A Universidade da Coruña (UDC) vén de acadar tres proxectos financiados na convocatoria 2025 das Marie Skłodowska-Curie Postdoctoral Fellowships(MSCA-PF), unha das axudas máis prestixiosas e competitivas do programa Horizonte Europa para a captación de talento investigador posdoutoral a nivel internacional.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) acollerá a dous dos investigadores seleccionados, Yaxue He e Jesús Castro, quen se incorporaránao centro de investigación da UDC durante os dous próximos anos baixo a supervisión de Christian Kennes e Alejandro Criado respectivamente para levar a cabo os seus proxectos. A terceira incorporación será no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), que acollerá aoinvestigador Youhua Yang baixo a supervisión do investigador Oportunius Diego Martínez.
As MSCA Postdoctoral Fellowships son bolsas orientadas a apoiar persoal investigador excelente en fases temperás da súa carreira posdoutoral, fomentando a mobilidade internacional, o desenvolvemento de competencias avanzadas e a consolidación de traxectorias científicas independentes. Ao mesmo tempo, reforzan as capacidades científicas e a proxección internacional dos grupos de investigación de acollida. Estes resultados sitúan á Universidade da Coruña nunca posición destacada no contexto estatal, tendo en conta a gran dificultade da convocatoria, cunha taxa de éxito global por debaixo do 10%.
Un resultado froito dunha estratexia institucional sostida
O éxito acadado nesta convocatoria é resultado dunha estratexia institucional de reforzo da internacionalización e da excelencia científica, articulada a través da Oficina de Captación de Persoal Investigador (OCPI), en coordinación cos distintos centros e grupos de investigación da universidade. Esta planificación permite identificar talento con antelación, acompañar de maneira personalizada a preparación das propostas e fortalecer os perfís de supervisión internacional da UDC.
PFAScan, do investigador Jesús Castro
O investigador Jesús Castro levará a cabo no CICA un proxecto orientado ao desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para a detección de substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas (PFAS) en auga.
Estes compostos son uns contaminantes moi persistentes e perigosos e representan unha ameaza a longo prazo para a saúde pública e os ecosistemas. A investigación de Jesús Castro propón o deseño de sensores baseados en grafeno, capaces de detectar PFAS de maneira rápida e directa desde o propio punto de análise. Esta tecnoloxía permitirá a monitorizacióncontinua da calidade da auga e a creación de sistemas de alerta temperá, reforzando a seguridade ambiental e o cumprimento da normativa europea.
O proxecto desenvolverase baixo a supervisión de Alejandro Criado e co apoio de Jesús Mosquera, investigadores do grupo de Autoensamblaxe Molecular e Nanomateriais (NanoSelf) do CICA.
C1Bio-Nano, de Yaxue He
C1Bio-Nano, da investigadora postdoutoral Yaxue He, ten como obxectivo transformar gases industriais como o CO e o CO₂, responsables do cambio climático, en compostos químicos de valor engadido. A proposta combina bacterias capaces de fixar estes gases con nanopartículas xeradas bioloxicamente que melloran a transferencia de enerxía entre microorganismos, aumentando así a eficiencia do proceso.
O obxectivo final é producir ácidos carboxílicos de cadea media, substancias con múltiples aplicacións industriais que poden substituír derivados do petróleo. Este enfoque permitiría reducir emisións e, ao mesmo tempo, impulsar unha economía circular baseada na valorización sostible do carbono.
O proxecto desenvolverase baixo a supervisión de Christian Kennes co apoio de María del Carmen Veiga, investigadores do grupo de Bioenxeñería Ambiental e Control de Calidade (Bioengin) do CICA.
FOUNDRY, de Youhua Yang
O proxecto FOUNDRY centrarase no estudo de decaementos raros de partículas subatómicas no experimento LHCb do CERN, co obxectivo de realizar medicións pioneiras que permitan poñer a proba o Modelo Estándar da física de partículas.
A investigación desenvolverá ferramentas avanzadas de análise de datos para mellorar a precisión das medicións e situará á UDC na vangarda dun campo altamente especializado. Ademais de reforzar a participación da universidade nunha das maiores infraestruturas científicas internacionais, o proxecto consolidará a súa posición como referente na análise de decaementos raros e no desenvolvemento de técnicas avanzadas de identificación de partículas.Esteproxecto contará coa supervisión do investigador Diego Martínez, do CITENI.
Mirando cara ao futuro
A UDC continuará reforzando esta liña de traballo de cara á convocatoria MSCA-PF 2026, que abrirá oficialmente na primavera, consolidando os mecanismos de detección temperá de talento, apoio estratéxico á preparación de propostas e visibilización internacional dos perfís de supervisión da universidade.
Estes resultados confirman o potencial da Universidade da Coruña para competir con éxito nun dos programas máis esixentes do panorama europeo de I+D+i e reflicten o compromiso institucional coa captación de talento, a excelencia científica e a internacionalización.