Antas de Ulla aproba o seu primeiro Plan Básico Municipal para saír de 50 anos de parálise urbanística

O novo documento substitúe a normativa de 1970, proporcionando seguridade xurídica, axilizando licenzas e catalogando máis de 270 bens patrimoniais.

O Concello de Antas de Ulla marca un fito no seu desenvolvemento territorial coa aprobación inicial do Plan Básico Municipal (PBM). Este instrumento, impulsado polo actual goberno local en colaboración coa Xunta de Galicia, permite ao municipio contar cun marco legal moderno e adaptado á realidade do século XXI, deixando atrás unhas normas obsoletas que databan da década de 1970.

A actualización do urbanismo era unha das prioridades estratéxicas do mandato para acabar coa inseguridade xurídica e a parálise que lastraba o crecemento do concello. Con este novo plan, Antas de Ulla dótase dunha ferramenta clara que facilita a inversión e simplifica os trámites administrativos para a veciñanza.

Un impulso ao rural e á vivenda

O Plan Básico Municipal non só ordena o territorio, senón que actúa como un motor de dinamización demográfica. Entre os seus puntos clave destacan:

  • Ordenación de 93 núcleos rurais: Repartidos nas 28 parroquias do concello (58 núcleos tradicionais e 35 mixtos).
  • Facilidades para a construción e rehabilitación: Establece normas claras para ampliar ou crear novas vivendas, fundamentais para a fixación de poboación.
  • Axilidade administrativa: A nova normativa permitirá reducir os tempos na concesión de licenzas urbanísticas.
  • Seguridade xurídica: Define con precisión o solo urbano consolidado, evitando a arbitrariedade e a provisionalidade.

O novo planeamento non esquece o valor histórico de Antas de Ulla. O documento inclúe un ambicioso Catálogo de Patrimonio Cultural con 275 elementos protexidos, garantindo que o progreso urbanístico sexa respectuoso co legado do municipio:

  • 45 Bens de Interese Cultural (BIC): Destacando 33 xacementos arqueolóxicos (petróglifos), 5 arquitectónicos e 7 etnolóxicos.
  • 230 bens catalogados: Abranguendo desde arquitectura civil ata elementos da cultura popular.

Así mesmo, o PBM mantén a vixencia do Plan Especial para o Parque Central–Centro Xeográfico de Galicia, asegurando a continuidade dos proxectos estratéxicos iniciados en 2023.

Tras este paso inicial, o Plan Básico Municipal someterase a un período de información pública de dous meses. Durante este tempo, calquera cidadán poderá consultar o documento e presentar as alegacións que considere oportunas antes da súa aprobación definitiva e posterior publicación no DOG.

Pilar García Porto destacaba_ «Con este Plan, Antas de Ulla deixa de mirar ao pasado para ofrecer un futuro de oportunidades a quen queira vivir, rehabilitar ou emprender no noso concello».

Comparte éste artículo
No hay comentarios