O Tomiño aclara a súa permanencia logo de gañar a O Val en Sinde B

Tomy, a futbolista máis emblemática do Tomiño, volveu a poñer a súa pinga de calidade para achegar ao equipo do seu pobo á permanencia, na campaña da estrea en Terceira Federación. O seu gol no Sinde B afasta ás miñotas da terceira praza por abaixo, que pode marcar un destino negativo para quen a ocupe, tendo en conta que o At. Villalonga cada vez está máis perto do descenso de Segunda Federación e provocaría un descenso máis dos dous estipulados no cuarto nivel do fútbol español.

Tomy quebra a igualdade moi cedo

O Val tiña máis urxencias que o Tomiño nun duelo por evitar a antepenúltima posición. As do Baixo Miño perderan una boa ocasión para escapar da ameaza de descenso por arrastre ao caer na pasada xornada ante o Boiro no Alivio; para O Val era necesario vencer para empatar a puntos coas pontevedresas e aproveitar un mellor calendario final no torneo.
Levantar o 4-0 a prol do Tomiño no partido de ida non estaba na lóxica dos desexos valexos, que comezou o encontro disputando a posesión ao seu rival. Malia todo, a falta de solucións ofensivas nas locais deu o mando nas proximidades das áreas ás visitantes. Tomy, nunha falta lateral, moi perto da banda, deu o primeiro aviso. En lugar de centrar, quixo sorprender a Lidia e o balón pasou a rentes da escuadra. Ía un cuarto de hora e o momento decisivo do encontro estaba próximo.
Tres minutos despois, o Tomiño roubou na franxa central, Tomy tirou un desmarque vertical, correu con vantaxe, esperou na distancia a saída de Lidia e bateuna con facilidade. Sexto gol da punta visitante e, probablemente, un dos máis importantes na campaña.
O Tomiño tiña o partido onde desexaba e aínda gozaría dunha nova opción de gol cun xute de Nanda, desde o bico esquerdo da área segundo o ataque, que chapou a meta valexa.
O Val equilibrou o encontro, pero non era quen de furar as liñas rivais. A fortaleza de Estévez e Raquel era inquebrantable, mentres Sariña, con contundencia, e Aída, con algunha dúbida, fechaban as bandas. No Val, Carmen e Marina traballaban moito no centro do campo, acompañadas moitas veces por Sara. Non houbo máis ocasións até que a fatiga permitiu unha combinación local pola esquerda. Antía Delgado tivo opción de mostrar a cualidade do seu golpeo, pero Peti desviou o disparo.

Dominio de Val e ocasións do Tomiño

Marcos Casal e Coby Vázquez fixeron una substitución no descanso. O Val quería dominar, pero a primeira ocasión volveu ser tomiñesa. Tomy, a máis intelixente no xogo, xutou desviado un golpe franco desde demasiado lonxe no minuto 50.
Marta, nun saque de esquina aberto por Tomy ao segundo pau, voleou por riba da trabe no minuto 58..
Ao Val custáballe progresar. Marina, polo interior, e sobre todo Martina Soto, nun duelo con Sariña, que mudara de banda coa entrada de Pau por Aída, eran as mellores opcións locais. A exterior foi moi solvente en varios dribles usando a velocidade.
No minuto 60, Marina xutou en condución antes de chegar á media lúa. O balón non foi a porta.
Malia seren os mellores momentos valexos, aínda apañaron un susto cun disparo de Alba á trabe da meta de Lidia catro minutos máis tarde.
Sen tanta precisión, as naronesas responderon cun disparo de Nata, que non paraba de loitar desde que entrara pouco antes. A centrocampista, buscando solucións, conectábase con Bea. Antía Delgado atrasara a posición para ser segunda dianteira.
O Val xogaba perto da área visitante, pero apenas gozaba de situacións de vantaxe na mesma.
O partido camiñaba ao remate e Antía Delgado tentou quebrar liñas nunha xogada persoal. O seu centro voleuno Bea, pero Peti embolsou o coiro no minuto 81.
O Tomiño non podía descoidarse nin meterse atrás. Nas poucas estiradas de liñas, Alba, moi activa no segundo tempo, estivo a piques de facer o segundo cun xute cruzado que desviou Lidia cunha boa estirada.
A última ocasión do Val estivo nos pés de Bea. Carmen marcou a liña vertical da xogada, Valeria prolongou en curto de cabeza para que Bea entrara na área polo carreiro do 8, pero non precisou o disparo, mandando a pelota abaixo, polo centro, sen poñer en atrancos a Peti.
Ao final, triunfo do Tomiño, que deixa máis próxima a súa permanencia. O Val parece encamiñado a ser décimo e, se baixa o At. Villalonga, esperar que ascenda o equipo galego que xogue a fase de ascenso a Segunda Federación.

Ficha

DOMINGO 22/02/2026 (17,00) Campo: SINDE B (80)
S.D. O VAL : 0 ‑ TOMIÑO F.C. : 1 (0‑1)

VAL : Lidia; Alicia (Estela 75’), Natalia Veiga, Ari, Iria (Antía Brage 57’); Martina Soto, Carmen, Marina (Valeria 78’), Sara (Nata 57’), Noa (Bea D); Antía Delgado. Tre. Marcos Casal. (Banco: Andrea).
TOM : Peti; Sariña, Estévez, Raquel, Aída (Pau D); Alba, Almeida, Saray (Daniela 67’), Marta, Nanda; Tomy. Tre. Coby Vázquez. (Banco: Antía (g); Pousa).
Goles: 0-1 Tomy 18’.
Árbitro: Pena Landeira (Galiza-Ferrol). Auxiliares: Caruncho Paz e Pascual Tena.
Disciplina: CA: Carmen 74’; Marta 87’.

Foto: Tomy, a xogadora do partido, atrás da valexa Sara. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios