Elena Candia, portavoz do Grupo Municipal do PP en Lugo, propón completar de forma integral a mellora do acceso pola Fervedoira, estendendo a actuación ata a conexión coa Rolda Norte. O obxectivo é claro: garantir unha entrada segura, cómoda e ben iluminada, con espazo para peóns e cunha imaxe coidada para quen chega a Lugo.
O que está anunciado
O goberno local prevé actuar nun tramo limitado:
– Dende a rotonda da rúa Montero Ríos ata o remate da zona urbana, 300 metros máis alá dos edificios de Adolfo Suárez, centrando a intervención na renovación parcial de servizos (saneamento) e unha nova capa de rodadura.
– Tamén se contempla executar a renovación da calzada e ampliación da mesma no tramo que vai dende o remate da zona urbana ata a rotonda prevista no PXOM.
Para os populares o proxecto do bipartito é insuficiente e non resolve no futuro os problemas dun dos principais accesos á cidade.
A proposta do PP: completar e planificar



O Grupo Popular defende ampliar a intervención aproximadamente 1,5 quilómetros máis, ata enlazar coa Rolda Norte. Só así se evitarán embudos e tapóns e se dará resposta aos problemas históricos desta vía:
• Carrís estreitos.
• Pavimento deteriorado.
• Falta de beirarrúas continuas.
• Iluminación insuficiente.
• Ausencia de espazos seguros para colectores e paradas de autobús.
Política Útil
Esta proposta se levará a pleno: «trátase dunha iniciativa que encaixa co modelo de mobilidade que defendemos baseado na planificación, seguridade viaria e mellora dos accesos a Lugo».
Con anterioridade xa propuxemos actuacións en Nadela, reclamando mellor iluminación e humanización da travesía, e na estrada vella de Santiago, defendendo beirarrúas e intervencións integrais. Agora damos un paso máis pola Fervedoira.