O voceiro provincial popular denuncia que PSOE e BNG manteñen o seu apoio a Tomé “abríndolle a porta para recuperar protagonismo político nas institucións” e acusa, tanto a socialistas como nacionalistas, “de blanqueamento político” para facilitar o seu regreso á candidatura socialista en Monforte.
O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, cualificou a ratificación de José Tomé como vicepresidente do Eixo Atlántico “como a evidencia de que PSOE e BNG continúan amparando politicamente a unha persoa investigada por un presunto caso de acoso sexual”.
Ameijide sinalou que “lonxe de asumir responsabilidades e apartalo de calquera tipo de representación institucional, seguen facilitándolle espazos e responsabilidades, nunha estratexia de blanqueamento da súa figura”.
Ameijide denuncia que esta estratexia de blanqueamento non é un feito illado e que parece mesmo estar facilitándolle o camiño a Tomé para volver ser o candidato socialista á alcaldía de Monforte. “A mensaxe que están trasladando é de que aquí non pasa nada, que se pode seguir ocupando postos de representación, participando na vida política e actuando como se nada pasara, malia a gravidade dos feitos que están baixo investigación”.
De feito, o popular lembra que a pasada semana Tomé participou activamente no inicio da campaña electoral do 29N, pegando carteis do PSOE xunto ao alcalde de Ribas de Sil, membro da candidatura socialista. “Non me sorprende, vendo o panorama que atravesa o socialismo a nivel nacional e a sucesión de escándalos que afectan a destacados cargos e dirixentes desta formación”.
Para Ameijide, a situación de Tomé é un novo exemplo da necesidade dun cambio político en España. “Fronte a un PSOE que parece máis preocupado por protexer os seus cargos que por dar explicacións aos cidadáns, Alberto Núñez Feijóo representa unha alternativa baseada na responsabilidade, a rexeneración democrática e o respecto ás institucións»”, destacou.
Finalmente, o voceiro popular afirmou que “o que non pode ser é que se utilice o feminismo cando interesa, que se proclame apoio ás vítimas mentres se ampara politicamente a persoas investigadas por presuntas condutas de acoso, a coherencia tamén é unha forma de respecto ás mulleres e ás institucións”.