O pleno municipal aproba a proposición do BNG para reclamar á Xunta que mellore o transporte interurbano de Lugo


O Portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo defendeu no pleno municipal a iniciativa do BNG para instar á Xunta de Galiza a «analizar a situación da rede metropolitana de transporte e aumentar as frecuencias onde exista demanda para facilitar que a veciñanza do rural poida contar con transporte público para achegarse a Lugo». Arroxo destacou que «o novo modelo de transporte no que está a traballar a cidade de Lugo, con máis bus urbano e co transporte rural a demanda, veríase beneficiado se contamos con máis frecuencias de transporte interurbano que permitan á veciñanza achegarse a Lugo e aos distintos concellos da rede metropolitana».

A proposta, que foi aprobada por unanimidade, recolle as reclamacións de moitas asociacións veciñais da zona rural que solicitan máis servizos, non só no transporte público municipal (bus urbano e transporte rural a demanda) senón tamén no transporte metropolitano xestionado pola Xunta de Galiza. «Un exemplo claro disto son as reclamacións da asociación veciñal Rebordaos-Veral, que solicita unha mellora no transporte das parroquias próximas á estrada LU-232» dixo Rubén Arroxo, que engadiu «estes núcleos de poboación contan co servizo da liña Lugo-Friol, que actualmente conta con 3 servizos diarios, o que as veciñas e veciños consideran insuficientes». Segundo o portavoz do BNG «estas reclamacións repítense habitualmente en distintos núcleos do rural de Lugo, como por exemplo as diversas reclamacións feitas nos últimos anos pola veciñanza que vive nos núcleos de poboación comunicados a través da estrada de Portomarín, da Fonsagrada ou a veciñanza de Ombreiro».

O BNG defende o transporte público como un servizo esencial para a veciñanza, que permite reducir a contaminación e a conxestión das estradas, mais este servizo ten que ser deseñado para responder ás necesidades reais do territorio e das persoas usuarias que, cada vez máis, apostan por este modelo de transporte fronte ao vehículo privado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios