O PP esixe “por seguridade” que PSOE e BNG dean unha solución ao tapón urbanístico da LU-P-2801, en Lourenzá

Ameijide recorda que “recibimos xa varias queixas” pola perigosidade deste punto no que non se cruzan dous vehículos ao mesmo tempo: “Os propietarios da vivenda xa comunicaron en varias ocasións que ceden o inmoble de forma gratuíta para que a Deputación poida solucionar este problema”.

Os deputados do Grupo Provincial, Antonio Ameijide e José María Fernández, xunto ao voceiro do PP en Lourenzá, Roberto Díaz, e a concelleira Sandra Gómez, comprobaron “o perigo” que supón o tapón urbanístico que hai ao comezo da estrada provincial LU-P-2801, en Lourenzá.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que “xa recibimos varias queixas sobre a circulación neste punto, xusto no inicio desta estrada” polo que “urximos a PSOE e BNG a sentarse a falar cos propietarios do inmoble, xa que segundo eles mesmos nos confirmaron están dispostos a ceder a casa sen custo algún para poder dar unha solución a este problema”.

Na marxe da estrada provincial LU-P-2801, no núcleo de Santo Tomé, atópase un histórico tapón urbanístico que supón un estreitamento da calzada e a ausencia dunha beirarrúa que garantan a seguridade de vehículos e peóns no entorno, unha reclamación que xa se defendeu en varias ocasións no pleno provincial, a última en novembro de 2025.

Antonio Ameijide recorda que neste pleno “Pilar García Porto ilustrounos con varias mentiras, como nos ten acostumados”, xa que defendeu que non tiña coñecemento de problema algún neste punto, así como que en ningunha estrada provincial hai beirarrúas, chegando a afirmar que “ela mesma estivo nese punto e non atopou problema algún”. 

“Esas afirmacións son mentira. A primeira, porque dende o Grupo Provincial Popular xa comunicamos o problema en varias ocasións, ademais de que o problema é evidente e se realmente Pilar García Porto estivo nesa localización, como nós si fixemos en varias ocasións, podería comprobar como no punto quilométrico 0 xa comezan as beirarrúas”, denunciou.

Por este motivo, Antonio Ameijide esixe a Pilar García Porto “a deixar de mentir e traballar polos veciños da provincia” así como a PSOE e BNG que “se preocupen de verdade pola seguridade na rede viaria provincial e o correcto mantemento das estradas, eliminando todos aqueles puntos perigosos para os condutores”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios