O arqueólogo Andrés Menéndez analizará en Riotorto a importancia do campamento romano do Vedro da Fame

A asociación Arrincadeira de Riotorto, Mariña Patrimonio e ADEGA organizan o vindeiro sábado 5 de setembro, ás 19.00 horas, a conferencia «O campamento romano do Vedro da Fame en Riotorto: unha peza fundamental para entender a conquista romana do noroeste ibérico», impartida polo arqueólogo e investigador Andrés Menéndez Blanco, quen explicará a relevancia deste excepcional recinto para coñecer a conquista romana do noroeste ibérico

A actividade celebrarase no Centro Sociocultural «Avelino Díaz» de Riotorto.

A conferencia permitirá achegar ao público o coñecemento existente sobre o Vedro da Fame, un recinto militar romano identificado en 2023 mediante o estudo de fotografías aéreas e datos LiDAR. O xacemento sitúase maioritariamente no concello de Riotorto, na parroquia de Santa Marta de Meilán, aínda que unha pequena parte penetra na parroquia de Santa María de Bretoña, no concello da Pastoriza. Cunha superficie aproximada de 14,2 hectáreas, trátase dun dos maiores campamentos romanos coñecidos ata o momento en Galicia.

O xacemento presenta, ademais, varios tramos defensivos que delimitan un anexo de arredor de 2,6 hectáreas na súa ladeira occidental. Esta particular configuración convérteo nun caso singular dentro da arqueoloxía militar romana do noroeste peninsular. O seu estudo pode proporcionar información de grande interese para comprender o avance do exército romano, as vías de penetración no territorio e o proceso de conquista e ocupación do noroeste ibérico.

O relator, Andrés Menéndez Blanco, é doutor en Historia e arqueólogo vinculado ao Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (INCIPIT-CSIC). Especialista en arqueoloxía da paisaxe e teledetección, conta cunha ampla traxectoria no estudo dos campamentos militares romanos e da presenza do exército romano no noroeste da Península Ibérica.

Menéndez Blanco forma parte tamén do colectivo investigador RomanArmy.eu, dedicado ao estudo e á divulgación da presenza militar romana no noroeste ibérico, e participou directamente nas investigacións sobre o Vedro da Fame. En 2025 publicou, xunto co arqueólogo José Manuel Costa-García, un informe patrimonial específico sobre este recinto.

Durante a conferencia presentaranse as características do campamento, os métodos empregados para a súa identificación e a súa posible relación con outros recintos militares documentados en Galicia e no resto do noroeste peninsular. A actividade ofrecerá tamén unha oportunidade para coñecer o valor histórico e arqueolóxico deste excepcional xacemento, situado entre os concellos de Riotorto e A Pastoriza, e para comprender a importancia da súa investigación, protección e conservación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios