A loita que non se fai. Por @DulceCorcu

Violencia machista, vicaria, asasinatos de mulleres e crianzas, violacións grupais a menores, acoso policial a subordinadas…Son só algúns dos titulares que acompañan estes dous primeiros meses do ano, o peor arrinque da década cun febreiro onde cada cinco días unha muller era asasinada, ademais dunha nena e un neno. Moitas, a maioria, contaban con ordes de afastamento, con condeas aos seus agresores, mais iso non as salvou. Por que? Porque as vítimas son mulleres, o mundo segue a xirar sen que nada pare por moitas que morran. Completamente asumido que maten a cinco, seis ou dez, non hai debate. Non se mudan leis ineficaces, non se educa para librarnos do machismo, do sexismo, da desigualdade….A nena valenciana que denunciaba unha violación grupal tivo que cambiar de instituto. Os seus agresores seguen acudindo a el con total normalidade. O eterno mundo ao revés que cada muller padece dun xeito ou outro. 

Tamén nestes días, unha nova contaba o pouco seguimento que ten o feminismo entre a mocidade, e as mesmas mozas que o rexeitan, consideraban normal que o noivo controlase o seu teléfono móbil. Pensan que iso é amor ou preocupación por elas, e esas son o tipo de cousas contra as que loita o feminismo, pero a desinformación e o bulo impiden en demasiadas ocasións que a mensaxe chegue onde corresponde. A negación da violencia machista e a denostación feminista por parte da ultradereita, confronta coa mornura dunha sociedade que non se inmuta ante a atrocidade de cada asasinato. A loita que non se fai aboca ás novas xeracións a unha perigosa regresión que parece incrible no século XXI, pero abondan as estadísticas para corroboralo. Por alto que berremos, apenas nos escoitan. Pero o feminismo o que nunca fará é calar. Nin conformarse con contar unha menos. Ou unha máis. Porque querémolas a todas vivas. E tan libres que non haxa que loitar por ningunha. Pero aínda non é agora. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios