Nicole Grueira: “Esta situación está a provocar importantes prexuízos no funcionamento ordinario do Concello xa que non dispoñer dun arquitecto municipal paraliza ou ralentiza a actividade municipal, xerando un estancamento na tramitación de licenzas urbanísticas, na posta en marcha de novas obras, ou as rehabilitacións”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol denuncian que o Concello de Pol atópase sen arquitecto municipal despois de que o traballador que estaba a realizar estas funcións finalizase contrato.
A voceira popular, Nicole Grueira, denuncia que “esta situación que está a provocar importantes prexuízos no funcionamento ordinario do Concello” xa que “non dispoñer dun arquitecto municipal paraliza ou ralentiza a actividade municipal, xerando un estancamento na tramitación de licenzas urbanísticas, na posta en marcha de novas obras, así como nas actuacións de rehabilitación, entre outras”.
Nicole Grueira pregunta ao alcalde “como se ten chegado a esta situación” xa que “evidencia unha falta total de previsión por parte do rexedor xa que nin se renovou o contrato nin se buscou outro profesional que o substitúa”.
Entre as principais consecuencias que ten esta situación están a parálise na resolución de licenzas de obra, a apertura de negocios ou que se acumulen os expedientes ao non poder realizarse os preceptivos informes técnicos.
Unha das posibles solucións polas que pode optar agora Lino Rodríguez é contratar unha asesoría técnica externa, “o que suporá un gasto extra para as arcas municipais” que contan xa cunha débeda superior aos 5M€. “O que nos tememos é que como Lino Rodríguez instalou no Concello de Pol a fama de non pagar a provedores e autónomos que prestan servizos ao Concello, que ninguén queira asumir eses encargos, polo que seguirá a bloquease aínda máis o normal funcionamento do Concello”, sinalou.
Por todo isto, resulta urxente adoptar as medidas necesarias para cubrir a praza de arquitecto e garantir así o normal funcionamento dos servizos técnicos, a seguridade xurídica da veciñanza e o desenvolvemento ordenado do noso municipio.
Ademais, Nicole Grueira recorda “a inestabilidade existente” no posto de secretario municipal, xa que “as persoas que desenvolven o cargo cambian constantemente, non sabemos por que motivo, pero imaxinamos que pola inestabilidade e a inseguridade xurídica na que Lino Rodríguez sumiu ao Concello de Pol”.