Presidente do Ateneo Galeguista-Terra Cha
O Goberno galego vén de presentar o Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia, no que, unha vez máis, quedan excluídas a parroquia rural e a comarca como entidades locais propias de Galicia, con autonomía para a xestión dos seus respectivos intereses patrimoniais, tal como invoca o artigo 1.2 (referido á parroquia) da vixente Lei 5/1997, de Administración Local de Galicia, aínda sen quedar constituída nesta norma tal institución e competencias, remitíndoas a unha futura norma do Parlamento de Galicia, norma que, malia ao tempo transcorrido, aínda non se tén producido ao día de hoxe, incumprindo de tal xeito os artigos 27.2 e 40. 1 e 2 do Estatuto de Autonomía de Galicia, a máxima norma que rixe esta nacionalidade histórica. Unha omisión lexislativa deliberada na que están incursos tanto o Goberno como o lexislativo de Galicia.
A parroquia rural galega é, pois, unha entidade de facto e non de iure, recoñecida estatutariamente, e aí está, e aí queda; unha figura consuetudinaria de referencia, querida e asumida no sentido de pertenza pola poboación rural. Cando lle preguntas a un veciño ou veciña de onde é, a parroquia é o lugar da súa identificación. Por elo, resulta, cando menos, sorprendente, o desleixo e desconsideración do Goberno galego sobre esta figura sobranceira do noso país. Unha eiva que vimos observando dende o propio Dereito Civil de Galicia, no que se teñen incorparado figuras que non teñen outra virtualidade cá de formar parte dos restos arqueolóxicos de tempos inmemoriais, e aí están formando parte da arquitectura xurídica do noso Dereito Civil.
Cando nos referimos a unha norma que afecta ao modelo territorial e de asentamento poboacional, herdo dun xeito de convivencia ancestral como é a parroquia rural galega, para a súa eficacia e efectividade, non só se deben ter en conta os seus aspectos técnicos, senón tamén a lexitimidade social e antropolóxica na que se inspira. Unha cuestión da que nos abondan numerosos exemplos no tocante ás distintas leis do solo e de ordenación do territorio aplicadas ao longo do período da nosa autonomía, eido no que se desenvolve todo un profuso marco lexislativo que non foi quen de informar unha ordenación territorial e urbanística estable e sostible.
Malia a tales consideracións, o Goberno galego en vez de dotar á parroquia dos dereitos que lle corresponden, decidiu levantar acta da súa defunción, alegando por boca de doña Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local que “ Repensamos todas as figuras que existían actualmente”, para seguir afirmando que “… máis aló do sentir, do sentimento identitario que seguirá”, conclúe que as parroquias e as comarcas “… carecen de sentido”. Pois ben, señora Prieto, máis aló das razóns que nos asisten aos parroquianos galegos para defender esta figura senlleira do noso país, a falla de consideración e respecto aos sentimentos das galegas e galegos do rural ou doutro lugar, non é o máis aconsellábel como xeito de exercer a gobernanza; e tampouco semella unha razón axeitada afirmar que “ carece de sentido “ cando concorre a evidencia do contrario, unha realidade que vai por diante da propia Administración que lle nega o dereito á súa existencia. Agardamos que esta desconsideración deixe tamén no esquecemento a recadación dos impostos do rural, a meirande fonte de ingresos das súas facendas; esquecemento, a ser posible, tamén extensivo á esquilma dos seus recursos naturais, cada vez máis agresiva e lesiva para o medio e as súas xentes.
Discúlpeme, señora Prieto, que lle cuestione o seu proxecto, pois seguramente pasou moitas horas brincando dun lado para outro, vendo o que din uns e o que fan outros, mais sempre alonxándose da terra para chegar á conclusión de que a parroquia xa non vale, que carece de sentido. Mais eu vexo a mesma realidade doutro xeito, mergullándome na paisaxe dun rural coidado, protexido e de dereitos. Ese é o meu xeito de ver e sentir o medio no que vivo. Por iso, véñenme á lembranza as verbas de Anxel Fole referidas á literatura e á paisaxe “ A min, particularmente, unha literatura galega sen paisaxe pareceríame unha literatura cuasemente desgaleguizada. O home sempre é fillo da súa terra. A literatura debe ter, coma a vida mesma, metereoloxía. A néboa, o vento, a choiva, sempre lle din algo ao home”. E engado, a parroquia apreixa todo iso, e tamén lle di algo ao home e á muller que a habita.
O recoñecemento da personalidade xurídica da parroquia foi unha reivindicación explícita do galeguismo expresada por Castelao “ Os lugares espallados, compoñen un agrupamento que se chama “parroquia”. Esta entidade é o antigo clan dos celtas, anterior á invasión dos románs e máis vello que o cristianismo”. E segue afirmando o autor de “Sempre en Galiza” “A parroquia rural é unha das máis puxantes características da nosa Terra, e de ningunha maneira se debe prescindir da súa eisistencia. Podemos, eso sí, aceptar o réxime municipal do dereito español aplicado esclusivamene ás nosas vilas e cibdades; pero non se concibe unha administración local galega sen conceder personalidade xurídica ás parroquias rurais, con efectividade de goberno propio e facenda propia”. Velaquí as arelas esquecidas do noso guieiro, reclamando os dereitos efectivos para a parroquia, extensivos a todos os parroquianos e parroquianas do rural galego; e agora, unha vez máis, o Goberno galego anuncia o seu peche coas sete chaves.
A única iniciativa lexislativa salientábel sobre a parroquia foi a recollida na Lei 11/1983, de 29 de decembro, de Actuación Intensiva das Parroquias Rurais. Unha iniciativa que non tivo outra virtualidade cá de abrir un rico debate no seu trámite parlamentario. As intervencións salientables dos deputados Camilo Nogueira Román, Pablo González Mariñas, Benxamín Casal Vila e Ceferino Díaz Díaz, entre outros, marcaron as pautas do que debería ser o modelo de parroquia inserido na comarca natural de Galicia. Unha ocasión perdida.
O recoñecemento e réxime xurídico das parroquias rurais e comarcas de Galicia, ademais de constituír unha obriga estatutaria, non só teñen sentido ao día de hoxe, senón que constitúen o instrumento xurídico-administrativo máis acaído á nosa morfoloxía, feito que contribuiría a unha maior racionalización e optimización dos seus recursos, incentivando un maior compromiso, participación e control democrático da veciñanza. Cómpre suliñar neste senso a eclosión do movemento asociativo dos últimos anos, un factor de desenrolo e dinamización na defensa do interese xeral e do ben común; as comunidades de montes veciñais en man común, ademais dunha conquista da comunidade rural baseada no dereito xermano, amosan unha capacidade real e efectiva de xestión e administración dos seus propios recursos, institucións todas elas con personalidade xurídica e capacidade de obrar, feito do que, paradoxicamente, non dispón a parroquia.
A falla de recoñecemento da parroquia nos termos que deixo explicitados ao longo deste artigo, non é un asunto illado ou casual, senón un feito deliberado dos poderes lexislativo e executivo, tamén das propias administracións locais, xa que nunca amosaron un especial interese no outorgamento efectivo de tales dereitos, pois quen administra os bens, controla as vontades.