Unha nova poboación de Euphorbia uliginosa Welw. ex Boiss. (leiteiriña das brañas) foi recentemente descuberta por ADEGA xusto no trazado aprobado da variante de Carballo, que o Consello da Xunta acaba de autorizar. É o que acontece cando a avaliación ambiental se converte nun mero (e molesto) trámite, con escasa profundidade e rigor.
A variante de Carballo (AC/20/087.01) foi definitivamente aprobada polo Consello da Xunta o 22 de xuño pasado, con publicación do acordo no DOG do 3/7/2026. No seu momento, a obra foi sometida a Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) simplificada, e emitiuse Informe de Impacto Ambiental (IIA) favorábel.
Na autorización ambiental non había ningunha referencia á posíbel presenza de flora ameazada, particularmente de Euphorbia uliginosa, especie incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coa categoría “En perigo de extinción”, e considerada pola IUCN como “En perigo crítico”, código CR B2ab(ii,iii,iv,v): En Perigro Crítico; distribución xeográfica reducida; área de ocupación menor a 10 km2; poboación fragmentada ou extremadamente recluída; diminución continua da área de ocupación, da calidade do hábitat, e das localidades e individuos maduros. Trátase, pois, dunha das plantas máis ameazadas da flora europea.
Durante o período de consulta pública da obra, diversas alegacións sinalaron a posíbel presenza de especies ameazadas, nomeadamente de Euphorbia uliginosa na zona das obras, xa que no polígono de Bértoa situado ao N da conexión coa variante, reside un dos núcleos máis importantes desta especie a nivel mundial. A Xunta (Axencia Galega de Infraestruturas) despachounas indicando que o proxecto xa foi obxecto dun Informe Ambiental favorábel que non considerou efectos adversos sobre o medio ambiente.
O pasado mes de xullo, persoal de ADEGA visitou diversos lugares próximos ao trazado da variante para realizar prospeccións de campo en busca de hábitats favorábeis para a E. uliginosa e outras especies protexidas. Como resultado, atopouse unha nova poboación de Euphorbia uliginosa afectada directamente polas obras. Nese mesmo punto apareceu tamén a gramínea ameazada Agrostis (=Linkagrostis) juresii Link, considerada “Vulnerábel” no CGEA. A principal ameaza para estas dúas especies protexidas é a transformación dos seus hábitats (zonas húmidas sobre substratos básicos), xusto nos que a obra impacta de pleno.
Unha avaliación ambiental pouco rigorosa trae estas consecuencias
Ao igual que aconteceu con outras infraestruturas, quer numerosos parques eólicos, moitos deles paralizados ou anulados pola Xustiza, a tramitación ambiental desta obra foi inaxeitada e pouco rigorosa.
Considerando que a administración coñecía a presenza constatada de especies ameazadas en áreas próximas á obra, da que ademais a Xunta foi advertida nas alegacións, o proxecto debeu ser sometido, cando menos, a unha Avaliación Ambiental Ordinaria, e terse realizado unha prospección intensiva. Nin na documentación do proxecto nin na posterior autorización emitida pola D. X. de Calidade Ambiental e Sostibilidade se menciona a posíbel presenza destes taxóns, e en resposta ás alegacións que llelo indicaban, a Administración voltou a ignorar este feito.
ADEGA acaba de poñer en coñecemento da Xunta, promotora da obra, esta situación. Reclamámoslle que proceda en cautela á aplicación dos condicionados recollidos no Informe de Impacto Ambiental, que establecen, a respecto da protección da biota, o seguinte: «De atoparse ou demostrarse a existencia de especies incluídas no CGEA, na zona onde se pretende actuar, prohíbese calquera actuación que lles afecte».
Aliás, reclamámoslle que realice unha nova prospección de campo máis exhaustiva para verificar e completar os resultados das realizadas por ADEGA, e que tome as medidas precisas para garantir a integridade e o bo estado das poboacións dos taxóns protexidos potencialmente afectados pola obra.
Outra volta, o neglixente proceder da Xunta coa tramitación ambiental dunha infraestrutura provoca unha ameaza directa ao noso patrimonio natural máis ameazado, ademais de novas demoras e sobrecustos que pagará a cidadanía.