Mulleres Bravas volve tender pontes entre as loitas de Honduras e Galicia na defensa da terra

Nunha lagoa hondureña, Maigra Guevara leva décadas enfrontándose a empresarios e gandeiros para defender os canais de pesca que alimentan a súa comunidade, mesmo poñendo en perigo a súa propia vida. A poucos quilómetros, María Esther Velásquez logrou que o seu municipio se declarase libre de minería, extractivismo e megaparques de enerxías renovables despois de anos de incidencia política. Dúas mulleres, dúas loitas, un mesmo obxectivo: que a terra siga sendo de quen a traballa e a coida.

As dúas activistas estarán en Galicia desde o luns 2 ata o martes 10 de marzo no marco do proxecto Mulleres Bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, impulsado por Amigas da Terra Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e no que Agareso participa como entidade colaboradora.


Dúas traxectorias de loita


María Esther Velásquez, de 53 anos, é lideresa comunitaria, promotora legal comunitaria e defensora dos dereitos ambientais e das mulleres. Fundadora da Red Municipal de Mujeres Contra la Violencia de Namasigüe, é membro activa do Comité Ambiental de Namasigüe (COAMNA) e da Plataforma de Comunidades Afectadas por Industrias Extractivas no Sur de Honduras (P-CAIESUR). A súa incidencia política foi determinante para que Namasigüe se declarase libre de minería, extractivismo e megaparques de enerxía fotovoltaica. Ademais de defensora ambiental, Esther é promotora legal que acompaña mulleres vítimas de violencia de xénero e impulsou a creación dun colexio de educación a distancia na súa comunidade para que mozos e persoas adultas sen recursos puidesen seguir estudando.

Maigra Isabel Guevara Cruz, de 51 anos, é líder da Asociación de Pescadores de Namasigüe e defensora da área protexida do Jicarito, un espazo de pesca artesanal que sostén a moitas familias da zona e que leva décadas baixo a ameaza do avance empresarial. Desde os anos oitenta, Maigra participa na defensa deste territorio: primeiro enfrontándose aos empresarios que querían apropiarse dos canais de pesca, despois liderando traballos de restauración de canles de manglar que devolveron a vida ao ecosistema. Esta defensa tivo un custo persoal moi alto: Maigra recibiu ameazas de morte por parte de ganadeiros e empresarios aos que se enfrontou na súa loita. Malia o perigo, non cedeu nin abandonou a súa labor.

A un océano de distancia, as historias de Esther e Maigra resoan con familiaridade en Galicia. Minas que envelenan ríos, empresas que deciden sobre territorios sen contar coas comunidades que os habitan, veciñanza que se organiza para defender o que é seu. En ambos os territorios son as mulleres as que con máis frecuencia están á fronte destas loitas, e as que adoitan pagar un prezo máis alto por facelo. En Honduras, ese prezo pode ser a vida.

Encontros entre defensoras dos dous lados do Atlántico

Durante a súa estadía, Esther e Maigra participarán nunha axenda de encontros que busca tecer redes de solidariedade e aprendizaxe mutua entre activistas de Honduras e Galicia. Entre as actividades previstas figuran unha charla na Universidade de Santiago de Compostela no marco da Escola de Sostibilidade, un encontro con traballadoras do fogar organizadas en SINTRAHOCU e Acuidarth, unha reunión coa Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e a participación na mobilización polo Día Internacional da Muller do 8 de marzo en Lalín xunto aos Azos Feministas. A visita inclúe tamén encontros con plataformas galegas de defensa do territorio, entre elas activistas vencelladas á loita contra a minería no Monte Neme.

A continuación deixamos unha axenda de encontros públicos:

05/03. 19h. Encontros Americanos da Fundación Granell

Mesa redonda con Monica Cea

06/03. 16:30-18h. Faladoiro formal aberto con Acuidarth, dentro do marco do 8M, no CS A Nubeira (Vigo)

08/03. 12h. Manifestación- Encontro con plataformas feministas e participación en mobilización polo Día Internacional da Muller, Azos Feministas (Lalín)

09/03. Pola tarde. Visita á mina do monte Neme


Sobre o proxecto Mulleres Bravas

Mulleres Bravas de Honduras e Galicia é un proxecto de cooperación ao desenvolvemento que xira arredor das visitas de mulleres activistas hondureñas a Galicia para dar a coñecer os impactos do extractivismo sobre as persoas e o medio ambiente, e para compartir alternativas sostibles. Pon o foco na cidadanía global e na importancia de recoñecer as diferenzas entre as loitas no Sur Global e en Galicia, ao tempo que celebra os puntos de encontro e a forza da solidariedade internacional.

Comparte éste artículo
No hay comentarios