Oliveira e Voa: dous himnos, dúas maneiras de entender unha bancada

Vou empezar polo máis importante: para min, Oliveira dos cen anos e Voa non teñen punto de comparación.

E non porque unha sexa do Celta e outra do Deportivo. Nin sequera porque unha me emocione e a outra non. A diferenza está moito antes da primeira nota. Está na maneira de chegar ata ela.

Entendo perfectamente a broma fácil destes días: que o Dépor viu o que fixera o Celta no Centenario e decidiu buscar tamén o seu gran himno contemporáneo. O seu tema para cantar no estadio. O seu particular You’ll Never Walk Alone. De feito, Voa nace precisamente con esa vontade de converterse nunha canción colectiva, vinculada ao 120 aniversario do club e construída arredor dunha frase profundamente deportivista: “Voa, Dépor, voa”.

Pero copiar unha idea non significa copiar un resultado.

E aí comezan as diferenzas.

C. Tangana fixo algo que me parece fundamental antes de escribir Oliveira dos cen anos: investigou.

Foi a Vigo. Escoitou. Preguntou. Falou con xente que coñecía a cultura galega e viguesa. Achegouse á ETRAD, á música tradicional, ás pandeireteiras, aos aturuxos, ás voces populares. Buscou no mar de Vigo, na Oliveira, na tradición oral e nas cantigas de Martín Códax. Durante o proceso contou con persoas como Pedro Feijoo, Rodrigo Romaní, Alfredo Dourado ou Xisco Feijoo.

E hai un detalle que para min resume todo: incorporou “Un escudo no meu peito”, procedente dunha canción de Keltoi!, porque aquilo xa existía antes ca el. Xa pertencía á xente.

Iso é importantísimo.

C. Tangana non chegou a Vigo dicindo: “Vou explicarvos o que significa ser do Celta”.

Fixo practicamente o contrario.

Chegou preguntando: “Que significa para vós ser do Celta?”

E despois converteu a resposta nunha canción.

Por iso Oliveira dos cen anos ten algo que vai máis alá dunha composición musical. Parece unha escavación. Cavas nela e aparecen Vigo, Galicia, o mar, a tradición, as bancadas, as voces, os domingos, os que estiveron antes ca nós e esa forma tan nosa de mesturar alegría e sufrimento.

C. Tangana, ademais, tomou unha decisión artística intelixentísima: desaparecer como cantante. O protagonista non era el. Eran as voces que representaban aquilo que quería contar.

E aí está, para min, a enorme diferenza con Voa.

Porque Voa tamén ten detrás un traballo musical enorme. Sería absurdo negalo. Está Xoel López, está a Orquestra Sinfónica de Galicia, Susana Seivane, Kilomberos de Monte Alto, Xacarandaina, o Coro Infantil e Xuvenil Cantabile… Hai produción, arranxos, músicos e unha evidente intención de conectar A Coruña, Galicia e o deportivismo.

Non estou discutindo a calidade dos músicos.

Estou falando de onde nace a canción.

E esa diferenza paréceme enorme.

En Voa eu sinto a Xoel López buscando dentro de si mesmo que significa para el o Deportivo e intentando despois que o deportivismo se recoñeza nese sentimento.

En Oliveira dos cen anos sinto exactamente o camiño contrario.

C. Tangana buscou primeiro o celtismo e despois escribiu.

Un parte do artista para chegar á bancada.
O outro parte da bancada para chegar á canción.

E pode parecer unha diferenza pequena.

Para min é toda a diferenza do mundo.

Porque un himno de fútbol non debería ser simplemente unha boa canción sobre un equipo. Ten que conseguir algo moito máis difícil: que miles de persoas sintan que aquilo xa era seu antes mesmo de escoitalo.

Ese foi o gran triunfo de Oliveira.

Non inventou o celtismo.

Devolveunolo convertido en música.

Por iso funcionou fóra de Vigo, recibiu atención internacional e foi considerada unha das propostas futbolísticas musicalmente máis ambiciosas dos últimos anos. Pero, curiosamente, o seu maior mérito non está en que a entendesen fóra.

Está en que a entendemos dentro.

Así que non me molesta absolutamente nada cando alguén di que o Deportivo copiou a idea.

Ata podería aceptala como provocación futbolística.

O que me custa máis aceptar é a comparación entre os resultados.

Porque podes copiar a decisión de facer un himno. Podes contratar un gran músico. Podes reunir unha orquestra, coros, gaitas e percusión. Podes facer un videoclip precioso. Podes buscar emoción.

Pero hai unha cousa que non se pode encargar nun despacho: unha identidade colectiva.

E precisamente por iso Oliveira dos cen anos segue parecéndome tan especial.

Porque durante uns minutos C. Tangana deixou de intentar ser C. Tangana.

E deixou que o Celta fose o Celta.

Porque o Celta, ao final, non é un compositor.

Non é unha canción.

Nin sequera son once tipos vestidos de celeste.

O Celta é o celtismo. 💙

E agora si. Xa chega de intensidade.

Querían o seu You’ll Never Walk Alone.

E, para min, saíulles o You’ll Never Wake Up.

Veña.

Todos a durmir.

Zzzzz… 😴

Foto RC Deportivo

Comparte éste artículo
No hay comentarios