O PP de Camariñas critica a «mala xestión» e vota en contra do sexto recoñecemento extraxudicial de crédito do ano

O Partido Popular de Camariñas votou no último pleno en contra do recoñecemento extraxudicial de crédito, unha medida que, segundo os populares, demostra a «mala xestión» do goberno local. Ademais, o grupo de oposición presentou unha ampla batería de rogos e preguntas para atender demandas urxentes en varias parroquias.

A portavoz do PP, Paula Mouzo Mas, xustificou o seu voto contrario á medida económica, que se someteu a votación xunto coa conta xeral.

É o sexto recoñecemento extraxudicial do que vai de ano. Nós imos votar en contra porque é un recurso extraordinario que aquí se converteu en habitual, como o feito de levantar reparos de Intervención,» sinalou Mouzo Mas.

O Grupo Popular optou pola abstención na Conta Xeral e nas dúas modificacións de crédito presentadas polo goberno.

Apoio a mocións e crítica á Deputación

Aínda que en posición crítica coa xestión económica, o PP votou a favor do convenio coa Consellería de Medio Ambiente e das mocións presentadas polo PSOE e o BNG.

Con respecto á moción do PSOE, a portavoz confirmou que o PP xa está a manter contactos coa Xunta de Galicia para buscar unha «alternativa» ao problema exposto, afirmando que non tiñan «problema» en apoiar o texto.

No tocante á mellora de dúas estradas da Deputación, o PP coincidiu co PSOE e o BNG en que é «necesaria unha actuación para reducir o risco de accidentes» e non só un simple reforzo do firme, unha responsabilidade que compete ao goberno provincial.

Solucións urxentes para Camariñas

O PP presentou un amplo abano de rogos e preguntas para trasladar as necesidades pendentes da veciñanza:

  • Ponte do Porto: Solicitouse unha solución inmediata para un cruce perigoso en Dor, melloras viarias no Cotariño (As Barrosas) e no camiño que une o Río do Cura coa Grixa, ademais do arranxo das luces estragadas na ponte.
  • Arou: Demandouse a ampliación do parque infantil e a habilitación de novos aparcamentos, unha demanda que o PP xa realizara por escrito con anterioridade.
  • Camelle: Urxiuse a solucionar os problemas de subministro de auga na Portela, a necesidade de instalar unha barandilla na subida á rúa do Canle e o arranxo dun asento na rúa Principal.
  • Servizos Xerais: Solicitouse xestionar ante Correos a ampliación do horario nas oficinas de Camariñas e da Ponte do Porto.
  • Seguridade Viaria: Pediuse estudar unha solución aos problemas de aparcamento e tránsito durante os partidos no campo de Fútbol “Vicente Carril” de Camariñas e instalar un sinal de aviso de perigo na vía sen saída do Petouquiño, en Santa Mariña.

A portavoz tamén solicitou información sobre as xestións para a regulación de autocaravanas, a tardanza en reparar os desperfectos no Campo do Turco e polo inicio das obras pendentes en Rendeiro, Xunqueira e na Rúa da Fonte, na Ponte do Porto.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios