Antonio Ameijide lamenta que “mentres para outras provincias e cidades do entorno o acceso á alta velocidade supuxo un revulsivo, Lugo continúa desconectado: o tempo da viaxe continúa a ser pouco atractivo e, ademais, perdemos conexións”.
O PP lucense condena que, cada vez, Lugo perda máis servizos ferroviarios que supoñen tamén unha perda de competitividade para a cidade e a provincia.
Os populares maniféstanse despois de comprobar que a partir de maio o último servizo directo do día en tren entre Madrid e Lugo sairá da capital de España ás 16:05 porque Renfe elimina o servizo con enlace que saía ás 17:10 horas.
O portavoz provincial do PP e coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, lamenta que “mentres para outras provincias e cidades do entorno o acceso á alta velocidade supuxo un revulsivo, Lugo continúa desconectado”. Ademais de que o tempo da viaxe continúa a ser pouco atractivo, continuamos a perder conexións”, advirte.
“Non dispoñemos de tren madrugador que permita aos lucenses chegar a Madrid pola mañá para facer xestións -xa que o primeiro do día chega a Madrid despois das dúas do mediodía-, adiantan o último tren da tarde ao eliminar un servizo”. Deste xeito, non dispoñeriamos nin de dúas horas para facer xestións, “o que é totalmente inviable”.
Como advertía fai uns días a presidenta e voceira municipal, Elena Candia, “Adif e o Ministerio din que non pode haber máis frecuencias porque non hai usuarios; pero os últimos datos reflicten que si hai usuarios. E se houbera máis frecuencias e mellores servizos, máis usuarios habería”.
Nese sentido, os populares lembran que “a pesar dos anuncios do alcalde despois de reunirse cos representantes de Adif; os servizos non só non melloran, senón que empeoran”. Isto evidencia “a falta de liderado e de palabra do PSOE; coa complicidade do BNG, socio de goberno no Concello e en Madrid”.