Partido a vida ou morte para ambos os dous equipos.
Tras catro derrotas consecutivas, dende o Club Santo Domingo Betanzos teñen claro o que deben facer o domingo ante Estudiantes Lugo. E é que, logo de estar acariciando a salvación en Tercera FEB dende hai máis duns mes, os resultados non acompañan e os seus máis inmediatos perseguidores xa están á espreita. De aí que ninguén baralla outro resultado que non sexa a vitoria contra un rival que tampouco quere perder o horizonte de gañar un ano máis o dereito a participar nesta categoría de ámbito estatal. Os precedentes non son bos. No partido de ida, nun encontro en que o acerto dos lucenses os levou a sumar quince triplas, o resultado final deixou unha das derrotas máis amplas encaixadas polos betanceiros (95-75). Porén, nada ten que ver un partido con outro e a gana de sumar ante os seus refléxase no chamado da directiva a toda a canteira para realizar a fotografía oficial do club. De seguro que o público logrará pór o seu grao de area para que o Ineltrón sume a tan desexada décima vitoria do ano.
Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador dos locais: “ O partido do domingo contra Estudiantes Lugo preséntase moi igualado e con moitas ganas pola nosa parte de volver lograr unha vitoria que nos daría moita tranquilidade para afrontar os últimos partidos da competición. Teremos que estar moi centrados en defensa, controlar o rebote e impoñer o noso ritmo de xogo en ataque”.
Xornada de derbys e viaxes para o resto do club
No que atinxe aos demais equipos do club betanceiro, nunha xornada en que os júnior masculino de Texas Controls e o feminino de Infor-B se miden a Cambre (ben que as segundas en pista rival), os cadetes de primeira de J. Caamaño Arquitecto viaxan a Pontevedra, os sénior de Terceira a Cee e o Neón Tasca feminino a Lugo, o equipo máis madrugador será o Grelo, o cadete de Segunda, que recibe a Montrove o sábado ás 10 da mañá no José María Valeiro Iglesias “Tocayo!. Os infantís de Cyrdega xogan contra Liceo, as infantís de Warnier contra Arteixo (no partido que pecha a xornada), mentres que as cadetes de Decornaveira reciben a Esclavas. Completan o cadro os equipos de canastra pequena, que terán os seus partidos no Agra e na Sagrada Familia da Coruña.