Alfredo Cañizo rompe o seu silencio e ameaza con “quitar a careta” á corporación de Malpica

A política de Malpica volve axitarse co regreso á escena pública dun dos seus actores máis veteranos e carismáticos. Tras un prolongado silencio motivado por cuestións persoais, o concelleiro independente Alfredo Cañizo sorprendeu onte aos veciños cunha contundente mensaxe na súa conta de Facebook que xa está a dar moito que falar nas cafeterías e no muro do porto.

Cañizo, coñecido por non morder a lingua, prometeu «quitarlles a careta» tanto aos actuais rexedores do Goberno local como aos membros da oposición. Un anuncio que soa a declaración de intencións e que moitos interpretan xa como o pistoletazo de saída para unha nova candidatura nas vindeiras municipais.

Expectación ante a «verdade» do Concello

O veterano político, que conta co respaldo dun sector importante da veciñanza pola súa xestión e responsabilidade en diversas áreas de goberno, asegura que é o momento de que os malpicáns saiban realmente «o que se coce» entre as paredes do Concello.

Os veciños de Malpica teñen dereito a saber a verdade de todo o que está pasando», parece ser o mantra dun Cañizo que sempre xogou a baza da transparencia fronte aos partidos tradicionais.

¿Candidato de novo?

A falta dunha confirmación oficial, o ton das súas palabras indica que Cañizo non está disposto a retirarse da primeira liña. A súa capacidade para conectar coa rúa e a súa experiencia como «chave» en diversos gobernos locais sitúano de novo no centro do taboleiro político. Se cumpre a súa promesa de tirar da manta, os vindeiros días en Malpica prometen ser, cando menos, intensos.

Escrito de Alfredo cañizo en su muro de Facebook

Ola a todos/ss

​Hai tempo que gardo silencio nestas redes, pero hai momentos na vida nos que calar non é unha opción, especialmente cando o silencio se utiliza para construír mentiras. Son Alfredo Cañizo Garrido, e aínda que moitos creades coñecerme polo que outros din de min, hoxe empezo a contarvos quen son eu de verdade.

​Levo nesta casa, no noso Concello, dende 1977 como funcionario. Vin pasar gobernos, crises e alegrías. Dende 1995, déstesme a vosa confianza para representarvos. Estiven na oposición e no goberno, con acertos e erros, pero sempre cunha máxima: a miña palabra vale máis que calquera cargo.

​Ultimamente convertéronme no ‘chivo expiatorio’. É moi doado culpar ao que ten un só concelleiro dos males de quen ten seis. É doado sinalar a Cañizo cando o que se busca é gobernar sen que ninguén fiscalice, sen que ninguén controle, coma se o Concello fose un negocio particular e non a casa de todos os malpicans.

​Asinei pactos ante notario que eu cumprín ao pé da letra e que outros usaron como papel mollado. Mentres uns se preocupan por ‘cotizar para a súa xubilación’, eu renunciei á miña dedicación exclusiva para cobrar a miña pensión e non ser unha carga para o pobo. Porque a miña prioridade non é o peto, é Malpica.

​E todo isto fágoo compatibilizándoo coa miña vida persoal, que, como a de moitos de vós, ten as súas propias batallas e esixe moito de min. Non o conto por nada especial, senón para que saibades que son un veciño máis, de carne e óso, que sabe o que é o esforzo, a responsabilidade de coidar dos seus e a necesidade de ter un Concello que funcione para a xente do común, non para os privilexios duns poucos. Esa é a miña realidade: traballo, familia e Malpica. Sen máis.

​A partir de hoxe, vou empezar a debullar capítulo a capítulo a realidade do que pasa no noso Concello. Sen inventos, con datos e coa dignidade que algúns parecen ter esquecido polo camiño.

​Porque Malpica merece saber quen é quen.

​Vémonos moi pronto na seguinte entrega. Un afectuoso saúdo e un abrazo do voso veciño,

​Alfredo Cañizo.

Comparte éste artículo
1 comentario