O concelleiro independente, Alfredo Cañizo, volveu cargar con dureza contra o Alcalde de Malpica, Eduardo José Parga Veiga, a través das súas redes sociais. Nesta ocasión, Cañizo «quítalle a careta» ao rexedor acusándoo directamente de non respectar os pactos asinados entre ambas partes, como se pode ver ao final dos escritos.
En declaracións recentes, o concelleiro manifestou que foi o propio alcalde quen rompeu os compromisos adquiridos. Segundo Cañizo, a única prioridade do mandatario local é asegurar o seu salario a final de mes, calificándoo como un «soldazo» que sae directamente dos impostos dos veciños e veciñas de Malpica, mentres a xestión municipal queda nun segundo plano.
Escrito no muro de Facebook de Alfredo Cañizo
«Ola a todos, veciños e veciñas.
Moitos preguntábades por que decidín romper o meu silencio. A resposta é sinxela: porque a verdade só ten un camiño, e os papeis non minten.
Hoxe subo aquí as partes clave do Pacto de Gobernabilidade que asinei ante Notario co Partido Popular en xuño de 2023. Quero que o leados vós mesmos e saquedes as vosas conclusións.
¿Que pediu Alfredo Cañizo para apoiar a alcaldía do PP?
Se mirades as fotos que acompañan este texto (especialmente a cláusula sexta), veredes que non pedín nada para o meu peto. Pedín o que Malpica leva anos necesitando e que eles se comprometeron a facer por escrito:
A NOVA ESTACIÓN DE AUGA POTABLE (ETAP): Para que Malpica teña por fin o servizo de auga que merece, sen cortes nin mala calidade.
LUZ LED EN TODO O CONCELLO: Para que as nosas rúas deixen de estar ás escuras e o Concello aforre miles de euros en facturas.
TURISMO E PROXECTOS: O mirador da Atalaia e o proxecto ‘Malpica do mar ás estrelas’, para darlle vida e futuro ao noso pobo.
MELLOR ATENCIÓN: A ampliación da Casa do Concello para darvos un mellor servizo.
Eu cumprín a miña parte: deilles o meu voto e a estabilidade para que puideran gobernar. Pero en canto colleron o bastón de mando, a realidade cambiou.
O primeiro que fixeron foi asegurar as súas dedicacións exclusivas (os seus soldos). Iso si que o cumpriron rápido. Pero os compromisos que asinaron comigo para mellorar Malpica pasaron a ser ‘papel mollado’.
Levan tempo botándome a culpa de todo o que sae mal. Pero a realidade é que é moito máis fácil culpar a Alfredo que cumprir co que se asina ante Notario. Eu podo mirar a calquera veciño aos ollos porque o que asino, cúmproo.
Aquí tendes as probas da miña lealdade e da súa falta de palabra. Subo as páxinas máis importantes, pero se algún veciño ou veciña quere a copia enteira do pacto para lelo de arriba a abaixo, non teño ningún problema en enviala; pedídema por privado e fágovola chegar.
Un saúdo do voso veciño,
Alfredo Cañizo.»
Pactos asinados ante notario, entre o alcalde, Parga Veiga e Alfredo Cañizo



