Como sabedes dende principios de curso vimos reclamando o profesorado de PT e AL que o centro precisa para atender adecuadamente á diversidade do alumnado. As demandas que levamos facendo ante a Consellería de Educación non tiveron resultado. Ademais, estanse a aplicar unhas ratios baseadas nunha normativa que non ten en conta a diversidade real do alumnado nin as súas peculiaridades e necesidades concretas.
Neste momento, contamos con máis nenas e nenos con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% e, paradoxalmente, temos menos recursos educativos especializados. Actualmente, o centro só dispón de 1,5 de PT e 1 de AL, unha dotación claramente insuficiente para garantir a atención que este alumnado precisa e para facer real e efectiva a súa inclusión.
Falamos de alumnado con necesidades educativas especiais moi diversas, que require apoios específicos e unha atención axustada á súa realidade. Entre eles, hai alumnado con trastorno do espectro autista (TEA), discapacidade intelectual, discapacidade motora ou trastornos graves de conduta e do desenvolvemento.
Cada caso presenta necesidades diferentes: apoio na comunicación, adaptacións de acceso ao currículo, reforzo na autonomía, acompañamento nas rutinas, intervención específica na linguaxe, estruturación do espazo e do tempo ou unha atención máis individualizada para garantir a aprendizaxe e a participación real na vida do centro.
A situación é moi preocupante. As horas de atención non chegan para cubrir as necesidades existentes. Isto tradúcese en nenas e nenos sen a atención que precisan, profesorado desbordado e sobrecargado e un impacto negativo no conxunto do alumnado, que tamén ve afectada a calidade da atención educativa.
Seguiremos coas mobilizacións ata que se nos escoite. Para este curso xa non temos moitas esperanzas de que se dote ao centro dos recursos educativos especializados que precisa, pero imos seguir loitando para que o vindeiro curso o CEIP Monte dos Postes conte cos medios humanos necesarios para garantir unha educación inclusiva e de calidade.