O PP condena que “nin o alcalde nin o Goberno de Sánchez fixeron nada por resolver os problemas de Correos en Trabada”

 “O alcalde non está a xestionar nin facer nada: escribir cartas non é suficiente, senón que debería reunirse cos responsables directos do servizo dependente do Goberno de Sánchez, da súa mesma cor política, para solucionar este problema”, engade.

O Partido Popular advirte que “o PSOE non fixo nada por reforzar o servizo de Correos en Trabada: o alcalde limitouse a escribir unha carta e o Goberno de Sánchez limítase a dicir que adapta a plantilla á cantidade de envíos a distribuír” e que “as leis presupostarias limitan a contratación”.

O portavoz do PP local, José María Fernández, subliña que “hai unha soa persoa” para cubrir o servizo en todo o municipio polo que, como é lóxico pola falta de persoal, “se chegan a rexistrar atrasos de máis dun mes” no reparto de cartas. Nese sentido, “temos recibido moitas queixas” dos veciños e veciñas porque “hai información que lles chega tarde e teñen, incluso, perdido citas”.

Os populares consideran “insuficiente” a resposta oficial do  Goberno de Sánchez ás preguntas formuladas polos representantes lucenses no Senado -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- para coñecer a situación real do servizo de Correos no municipio e as medidas que tiña pensado adoptar o Goberno do Estado para poñer fin ás graves deficiencias que se veñen rexistrando.

A resposta oficial do Goberno revela que “non adoptaron ningunha”, subliñan. “Aseguran que contrataron unha persoa para cubrir en baixa en decembro, pero con iso non solucionan o problema de falta de persoal que xera graves prexuízos no municipio”, indican.

Os populares cren que Correos, como empresa pública dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, debería ofrecer un servizo postal áxil garantindo entregas rápidas e seguras, tamén no rural lucense; “pero en Trabada o que está a facer é entorpecer a actividade diaria e empresarial dos veciños e veciñas”.

O portavoz municipal sinala, ao respecto, que “o alcalde non está a xestionar nin tratando de solucionar. O que debería facer é reunirse cos responsables directos do servizo dependente do Goberno de Sánchez, da súa mesma cor política, para tratar de resolver a situación e ofrecer unha solución aos veciños e veciñas. Hai que facer algo máis que escribir cartas”, conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios