O Grupo Municipal do PP rexistou unha emenda para cambiar o artigo 150.2 do PXOM co obxecto de evitar que o Plan de Mobilidade prevaleza sobre o PXOM. Así o comunicaron hoxe os representantes do Grupo Popular na Comisión de Contas cando se abordou o punto relativo á modificación do PXOM que se someterá a votación no pleno do xoves e que o PP anunciou que a apoiará.
O obxectivo desta proposta é que non prevaleza o Plan de Mobilidade sobre o Plan Xeral de Ordenación Urbana e a nova redacción sería a seguinte: “De existiren incongruencias esenciais entre o Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Lugo e o Plan Xeral de Ordenación Municipal, non procederá a prevalencia automática do primeiro sobre o segundo, debendo promoverse, se é o caso, a correspondente modificación ou revisión formal do instrumento que resulte procedente para restablecer a coherencia do ordenamento municipal. En ningún caso as determinacións do Plan de Mobilidade do Concello de Lugo poderán alterar por si soas as previsións do PXOM en materia de usos, reservas, estándares de aparcadoiro, dotacións, condicións de edificación ou ordenación urbanística, sen a correspondente modificación formal do planeamento urbanístico”.
A voceira popular Elena Candia reivindicou o traballo feito, xa que alguns dos cambios foron solicitados e defendidos polo Partido Popular, como é o caso da eliminar a obriga de esgotar a edificabilidade de fondos e alturas para facilitar rehabilitacións e ampliacións ou adaptar o planeamento á Lei do Solo, entre outras medidas que son “do máis razonable pero que chocan frontalmente co modelo de mobilidade que queren imponer o PSOE e o BNG”.
O vicevoceiro popular tamén falou da adaptación do PXOM á lexislación urbanística vixente e a eliminación de referencias a figuras xa superadas pola normativa autonómica. Tamén valoran de forma positiva a clarificación do réxime de fóra de ordenación e de incompatibilidade parcial, a regulación máis precisa das obras posibles en edificacións existentes, e a actualización das condicións de edificación para incorporar solucións actuais como a aerotermia e outras instalacións en cuberta.
Do mesmo xeito, o PP considera acertado que a modificación resolva contradicións e baleiros que viñan complicando a tramitación de licenzas e proxectos, como a regulación de patios interiores, ventilacións, rasantes, plantas baixas, condicións estéticas e instalacións en fachada. Ao seu xuízo, trátase de melloras que poden contribuír a dar máis seguridade xurídica, máis claridade técnica e unha aplicación máis áxil do PXOM.
A voceira popular concluía que “o acerto deste traballo temos que circunscribilo aos técnicos, xa que o equipo de goberno demostrou que descoñece o contido do que se vai a aprobar”. Candia tamén manifestou que “fronte ao traballo técnico e riguroso da modificiación do PXOM, que levamos demandado durante moito tempo, aproban en quince minutos nunha xunta de goberno, un plan de mobilidade que prevalece sobre o PXOM.
Elena Candia tamén lembrou a importancia que para o PP ten o urbanismo “por ser un instrumento de desenvolvemento da cidade” afeando a pouca preparación sobre o tema que demostraron esta mañá na comisión de contas.