O BNG traslada o seu apoio ás demandas da ANPA do CEIP Nadela, que reclama á Consellería de Educación da Xunta de Galiza o comezo urxente das obras de remodelación e adecuación do centro escolar. A edil do BNG Maite Ferreiro, afirmou que este centro é un dos máis antigos de Lugo, e presenta unha serie de eivas estruturais que están a afectar directamente á calidade do ensino e ás condicións do alumnado. Entre estas deficiencias destaca a incapacidade do comedor escolar para dar servizo a todo o alumnado solicitante, debido ás súas reducidas dimensións, ou a falta de accesibilidade en diversos espazos do centro, o que impide garantir unha educación en igualdade de oportunidades para todo o alumnado. A isto súmase a carencia de espazos adecuados, que dificulta a realización de desdobres e a posta en marcha de novos proxectos educativos.
O BNG lembra que a comunidade educativa leva anos agardando por unha reforma integral que foi prometida reiteradamente polo Partido Popular, sen que ata o momento se teñan producido avances reais. Finalizado o curso 2025-2026 e ás portas do verán, as obras seguen sen estar licitadas, o que evidencia, «a falta de compromiso da Xunta de galiza co ensino público», dixo Ferreiro.
O BNG considera fundamental que se aproveiten os períodos non lectivos para acometer unha intervención integral como a que demanda a ANPA, co fin de minimizar as molestias e garantir o normal desenvolvemento da actividade educativa. O BNG insta á Xunta de galiza a «a planificar as obras no CEIP Nadela, garantindo así unhas instalacións dignas e unha educación pública de calidade para o alumnado».
foto de arquivo