Ameijide: “PSOE e BNG non fixeron nada e, incluso dicindo que se trataban de feitos reprobables e gravísimos, negociaron a formación dun goberno na Deputación co apoio imprescindible de Tomé, a quen os concelleiros socialistas manteñen na alcaldía de Monforte”.
O PP esixe a PSOE e BNG “romper de verdade co acoso” e afastar das institucións aos políticos vencellados con delitos contra as mulleres e o seu encubrimento.
O portavoz, Antonio Ameijide, condena que “o PSOE e o BNG non adoptaron ningunha medida “real” para devolver a normalidade ética á institución provincial tras saír á luz as denuncias públicas contra José Tomé por presunto acoso sexual nin tampouco dende que foi presentada denuncia formal ante a xustiza e comunicada a presentación dunha querela por parte da Fiscalía. Unha situación que afecta á imaxe da Deputación de Lugo; pero que a PSOE e BNG pouco lles importa. O único que lles importa é manter os seus cargos”. De feito, “poñen os seus sillóns diante da defensa dos dereitos das mulleres”, indica.
Os populares instarán no vindeiro Pleno ao goberno provincial de PSOE e BNG amosar a solidariedade e apoio ás mulleres, rexeitar condutas de acoso por parte de cargos públicos e afastalos das institucións públicas porque “cremos que é o lóxico e moralmente adecuado”.
Ameijide apunta que “despois da testemuña que coñecemos polos medios de comunicación, logo de ver como a deputada provincial Pilar García Porto ou a número dous do PSdeG se reuniron coa nai da vítima en varias ocasións sen facer nada, tras saber que o PSOE tentou dar largas e gañar tempo ofrecendo un asesoramento legal e psicolóxico á vítima que nunca chegou e agora que a Fiscalía ve indicios claros de delito e actúa; xa non quedan escusas: o PSOE debe sacar da alcaldía a Tomé, a presidenta da Deputación debe apartar ao deputado non adscrito e tamén á deputada que o encubriu durante meses e o BNG debe ser coherente e facer algo máis que cobrar os seus soldos e viaxar en coche oficial”.
Sen cuestionar a presunción de inocencia nin o dereito á lexítima defensa, dende o Partido Popular “cremos que os dirixentes do PSdeG e do goberno provincial de PSOE e BNG deben, cando menos, condenar publicamente os feitos denunciados, adoptar responsabilidades políticas que demostren a súa implicación real co feminismo e aplicar medidas para afastar a persoas acusadas de delitos contras as mulleres das institucións públicas e de quen encubre estes feitos”.
Ameijide lembra que “non houbo explicacións nin dimisións por parte dos dirixentes do PSOE provincial e do PSdeG que eran coñecedores, como recoñeceron publicamente e por escrito, de cando menos un caso denunciado pola nai dunha presunta vítima”. É máis, “só puxeron escusas despois de estar encubrindo o caso e dándolle as costas á vítima. Non fixeron nada. Incluso dicían condenar este tipo de feitos reprobables e gravísimos contra as mulleres, pero tanto PSOE como BNG, negociaron a formación dun goberno na Deputación co apoio imprescindible de Tomé”, conclúe.