O MEL ( Movemento Ecoloxista da Limia) denuncia como queima abusiva e descontrolada unha intervención de axentes forestais que arrasou ducias de hectáreas de monte baixo entre Ponteliñares e Guín.
O Movemento Ecoloxista da Limia, alertado onte por veciños, comprobou como persoal da Xunta de Galiza realizou unha queima das que eles chaman preventiva, arrasando varias ducias de hectáreas de mato e tamén arborado na marxe dereita da estrada OU-301 que vai da Feiranova a Bande, preto do núcleo de Guín, concello de Bande.
Onte mesmo, pola tarde, a propia Administración autonómica prohibía as queimas para estes días.



Denunciamos esta acción abusiva e descontrolada -tanto que o mesmo operativo tivo que recorrer a equipos de extinción- que ao parecer se fixo contra a opinión dos técnicos forestais que traballan sobre o terreo, que deixa unha paisaxe de monte queimado afectando á fauna en plena explosion de vida primaveral, singularmente á avifauna nesta zona ZEPA e a exemplares de carballos, un incendio forestal provocado pola propia Xunta onde se podía ter feito outro tipo de intervención preventiva.
Mais parece que esta é a maneira que ten o Executivo de Rueda de protexer e valorizar a paisaxe.
A política da Xunta establece: onde queimamos xa non volve arder.
A Xunta queima o país para que os lumes non lle estraguen as vacacións aos responsábeis de apagalos.
Esiximos explicacións da Administración a respecto de quen deu a orde, con que argumentos e cales son as perdas causadas por esta acción.
Despois de perder miles de hectáreas hai apenas oito meses, cada metro cadrado de monte é ouro, esta non é maneira de tratar ao monte.