Ante o anuncio da Xunta de Galicia sobre as novidades do PLADIGA 2026 e as medidas previstas para reforzar o dispositivo de loita contra os incendios forestais, CCOO valora positivamente calquera iniciativa destinada a combater a lacra dos lumes, que cada verán ameaza o territorio galego.
Entre as actuacións anunciadas atópanse o incremento do número de brigadas —previsiblemente municipais—, a contratación de dous novos avións de carga en terra, a incorporación dun novo helicóptero de coordinación e doutro de grandes dimensións en mans de empresas privadas, o uso de drons de vixilancia a través dun convenio con ABANCA, a aplicación da intelixencia artificial para a detección de fume e o reforzo do operativo da Unidade de Directores de Extinción (UDEX).
Porén, desde CCOO considérase que estas medidas deben ir acompañadas dun reforzo real e decidido dos medios propios da Administración autonómica, especialmente naquelas zonas con maior actividade incendiaria, que ano tras ano concentran unha parte moi importante dos grandes incendios forestais.
O sindicato defende que a loita contra o lume require operativos estables, profesionalizados e dependentes directamente da Xunta de Galicia, evitando unha dependencia excesiva de medios municipais ou externalizados que, en moitos casos, dificultan a coordinación e reducen a eficacia das intervencións.
Neste sentido, CCOO insiste na necesidade de recuperar todas as bases e brigadas helitransportadas con persoal propio da Xunta de Galicia, co obxectivo de garantir un operativo público forte, preparado e con coñecemento directo do territorio.
Para a organización sindical, a prevención e a extinción dos incendios forestais deben sustentarse nun modelo baseado en máis medios humanos e materiais e menos estruturas burocráticas, polo que resulta imprescindible apostar por brigadas e persoal operativo no monte.
“Necesitamos máis medios no territorio porque constitúen a resposta máis rápida e áxil contra os incendios forestais”, sinalan desde CCOO, lembrando ademais que a mellor resposta fronte aos lumes pasa por reforzar os equipos de intervención directa e as tarefas de prevención ao longo de todo o ano.
CCOO continuará defendendo un operativo público, estable e dimensionado á realidade do territorio galego, capaz de facer fronte a incendios cada vez máis intensos e complexos, agravados polo cambio climático e polo abandono do monte.
Contacto para medios de comunicación: Responsable Autonómico do SPIF: Carlos Hermida Diéguez, Tel.: 608 881 325