Baixo o nome de Hinchalugo – Semana Santa, a iniciativa desenvolverase os días 31 de marzo e 1 de abril, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, cun horario continuado de 16:30 a 19:30 horas.
A actividade permitirá ás familias desfrutar dun amplo espazo con máis de 30 atraccións inchables, adaptadas a diferentes idades, co obxectivo de fomentar o xogo, a actividade física e a convivencia entre a rapazada.
Hinchalugo está concibida como unha iniciativa aberta non só aos nenos e nenas da cidade de Lugo, senón tamén aos dos concellos limítrofes e ao conxunto da provincia. Do mesmo xeito, a actividade está especialmente pensada para facilitar a participación das AMPAS, que poderán atopar nesta proposta unha opción atractiva para organizar actividades colectivas durante a Semana Santa.
Desde a organización destácase que esta iniciativa pretende contribuír a dinamizar a cidade nestas datas, ao tempo que se ofrece unha alternativa de lecer familiar accesible, inclusiva e orientada ao benestar da infancia.
Neste senso, a presidenta da Federación, Cecilia Vázquez, que estivo presente no acto de presentación xunto co representante da Xunta de Galicia, administración que tamén colabora co evento, sinalou que «Hinchalugo – Semana Santa é unha das primeiras actividades de gran impacto que impulsa a Federación Lugo Rural Importa desde a súa recente constitución, cunha clara vocación provincial e co obxectivo de ofrecer propostas útiles, visibles e de calidade para as familias».
A actividade conta coa colaboración institucional necesaria para garantir o seu correcto desenvolvemento e o cumprimento das condicións de seguridade, converténdose nun espazo pensado para o desfrute dos máis pequenos e a tranquilidade das familias.
Hinchalugo – Semana Santa preséntase así como unha excelente oportunidade para vivir uns días de vacacións diferentes, cheos de xogo e diversión, no corazón da provincia de Lugo