A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, confirmoulle ao deputado autonómico e voceiro do PP de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, que Augas de Galicia está a tramitar a declaración de interese superior da actuación conveniada co Concello de Padrón para minimizar o risco de inundacións na contorna do rego Tarrío, despois de meses de espera e de dous requerimentos de documentación non contestados por parte do alcalde, Anxo Rei.
Nunha reunión mantida esta mañá, Ángeles Vázquez lembrou que a anterior Corporación Municipal de Padrón, gobernada polo PP, asinara con Augas de Galicia un convenio de colaboración cun investimento de tres millóns de euros para reducir o risco de inundacións no municipio con catro actuacións específicas: a mellora do espazo fluvial e a drenaxe do río Sar no cruce coa estrada AC-301, a mellora do espazo fluvial e a drenaxe do rego Avelenda ao seu paso por Iria Flavia, a protección da marxe dereita do río Ulla ao seu paso por Padrón e a mellora do espazo fluvial e a drenaxe do rego Tarrío no cruce co ferrocarril. A maiores destas actuacións, o plan xa identificaba unha actuación para a mellora do rego de Pasteriza -afluente do río Sar-, no lugar de Cambelas, como un proxecto a acometer.
Con posterioridade, xa en 2024, o actual goberno municipal do PSOE asinou unha adenda ao devandito convenio para actualizar as datas de execución, pero desde entón negouse a achegar a documentación necesaria para avanzar coa tramitación do primeiro proxecto a licitar, o referente ao rego Tarrío.
Tras meses de espera e dous requerimentos formais remitidos desde a Xunta de Galicia á Alcaldía sen recibir resposta algunha, Rodríguez Conde considera que o alcalde demostrou “unha gran irresponsabilidade, ao poñer en risco un investimento de 3 millóns de euros”, simplemente “para buscar un enfrontamento coa Xunta de Galicia por intereses partidistas, en lugar de colaborar para axilizar as obras previstas”.
Segundo Rodríguez Conde, “a conselleira de Medio Ambiente está a demostrar un firme compromiso coa veciñanza de Padrón ao tratar de desbloquear un investimento millonario paralizado polo alcalde”, así como ao ordear o inicio dos traballos preliminares para desenvolver os proxectos de Cambelas (Pazos) e Os Pasales (Lamas – Estramundi), para os que xa se está a recabar información técnica.