Máis de 20 bodegas déronse cita na 46º Feira do Viño de Amandi

Pablo Rivera Capón, participou este domingo na última xornada da 46º edición da Feira do Viño de Amandi, que se celebrou ao longo desta fin de semana e que reuniu a máis de 20 bodegas. O evento, co que colabora a Deputación cunha achega económica de case 14.000€ a través do Plan Deputación, incluíu -entre outras propostas- actuacións musicais, catas e pasarrúas.

Tras a recepción de autoridades, celebrouse o pregón a cargo do chef do Restaurante Vértigo, Rafa Centeno, e a entrega de premios, conducida pola xornalista Manola Porto. A xornada, que se celebrou no entorno da praza do Concello, reuniu a centos de asistentes e a numerosas autoridades da comarca. 

Rivera Capón destacou que “esta feira é un exemplo do compromiso que mantemos desde a Deputación de Lugo co sector vitivinícola da nosa provincia, porque apoiando citas coma esta tamén promocionamos os nosos produtos e contribuímos ao desenvolvemento económico da zona”. Pablo Rivera fixo especial fincapé “na calidade dos viños que levan o ADN da Ribeira Sacra, que gozan xa de gran prestixio tanto a nivel galego, como nacional ou mesmo internacional”.

Avanzou ademais que “falamos dunha cita que leva celebrándose máis de 40 anos, polo tanto, é un evento de referencia no noso calendario que axuda a dar a visibilidade que se merece a tradición vitivinícola e fortalece a promoción da nosa provincia dentro e fora de Galicia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios