Case trinta usuarios do centro da rede autonómica romperon a rutina cunha xornada de polbo, lembranzas e moita vida no Espolón.
O Centro de Día de Rois, integrado na rede de maiores da Xunta de Galicia, volveu facer honra ao seu título autoproclamado de centro «máis marchoso» do país. Fiel ao seu obxectivo de conectar aos maiores coas tradicións galegas, o centro organizou unha saída especial á Pascua de Padrón que serviu para romper a rutina e fortalecer os vínculos coa cultura local.
Un total de 28 usuarios trasladáronse á vila veciña para vivir a festa en primeira persoa. A xornada tivo un marcado carácter gastronómico e emocional: degustaron o tradicional polbo á feira, queixo con marmelo e torta de Santiago, antes de percorrer o emblemático Paseo do Espolón e o campo da feira.
Para moitos, a visita foi unha viaxe no tempo. «Percorreron estes lugares lembrando como cambiou todo desde que eran novos e xa desfrutaban desta festa», explica María Vilas, directora do centro. Esta actividade consolídase como unha das favoritas dos usuarios, nun centro que destaca pola súa intensa axenda exterior, chegando a rozar o medio centenar de saídas anuais en etapas anteriores.