O PP critica o déficit de xestión en materia de persoal e, neste caso, denuncia a falta de oportunidades que ofrece un goberno que presume de progresista nunha área tan importante como a do servizo de emerxencias. “Estamos cos mesmos efectivos de bombeiros que cando Lugo tiña 80.000 habitantes, pero esta semana lonxe de mellorar a situación empeorou”
Segundo a propia relación de postos de traballo, Lugo debería contar con 56 efectivos (1Sarxento e 55 bombeiros sendo 5 deles cabos), pero trala marcha, o pasado venres, de dous bombeiros a Ferrol e, nas últimas semanas, doutros dous a A Coruña, logo de aprobar as oposicións, só quedaron 45, oito deles interinos.
Os populares explican que efectivos que están no parque de bombeiros de Lugo, logo de adquirir experiencia, como non se convocan as prazas, acuden a onde hai ofertas de emprego público. Esta situación supón unha importante perda para a cidade, que inviste recursos públicos na formación, na preparación e na dotación de material específico para este persoal, sen ser quen despois de consolidalo. A saída destes efectivos obriga agora a cubrir as vacantes con novo persoal, asumindo de novo custos de equipamento, adaptación e formación.
Situación actual bombeiros
Segundo a información coñecida, dos 12 interinos que levan máis de tres anos prestando servizo no parque de bombeiros de Lugo, catro xa abandonaron o posto para incorporarse a outras administracións: dous á Coruña e dous a Ferrol. Trátase de profesionais con experiencia e coñecemento do servizo que optaron por buscar estabilidade fóra de Lugo ante a ausencia de avances no proceso selectivo.
A portavoz popular, Elena Candia, insiste en que “temos a obriga moral de coidar a quen nos coida e a responsabilidade de reforzar o servizo de bombeiros de Lugo con medios persoais e materiais suficientes” lamentando que “Lugo estea a actuar como unha administración que forma profesionais para que logo rematen marchando a outras cidades por non ofrecerlles unha saída estable aquí”.
“É incomprensible que, despois de máis de tres anos traballando no servizo, siga sen convocarse a oposición, mantendo aos profesionais nunha situación de provisionalidade permanente e facendo que moitos acaben buscando futuro noutras administracións”.
Os populares tamén poñen o foco na situación que viven os bombeiros que continúan no parque municipal, xa que a falta de datas claras está a xerar tensión, malestar e incerteza entre persoas que levan tempo preparando as probas físicas e teóricas sen un calendario definido.
“Estamos a falar dun servizo esencial para a seguridade da cidade. O que fai falta é planificación, estabilidade e respecto polo persoal. O Goberno local ten que deixar de adiar esta situación e explicar cando vai convocar a oposición”, engade a portavoz do PP.
Dende o Grupo Municipal Popular reclaman ao Executivo local que actúe con urxencia para frear a perda de efectivos, garantir a estabilidade do persoal e evitar que Lugo siga perdendo bombeiros xa formados e con experiencia mentres outras cidades se benefician dese traballo previo asumido polo Concello.