O goberno local de Lugo volve demostrar a súa falta de capacidade de xestión ao manter paralizado, dende hai tres anos, o proxecto para habilitar unha finca como zona de estacionamento detrás da igrexa do Carme. Malia contar coa cesión do terreo por parte da Confraría do Carme, o Concello non realizou ningunha actuación para crear as 40 prazas de aparcamento previstas.
O acordo de cesión, asinado por un período de catro anos, establece o acceso ao recinto pola rúa Poeta Noriega Varela, nun punto estratéxico onde a veciñanza sofre diariamente a falta de espazos para deixar os seus vehículos. Con todo, o tempo esgótase: o convenio vence en marzo de 2027, o que significa que o Concello xa consumiu tres cuartas partes do prazo sen mover un só papel.
A situación é cualificada polo Partido Popular como «unha vergoña» e un exemplo claro de deixadez administrativa. Mentres os veciños e veciñas teñen que dar voltas durante minutos para aparcar, o goberno local ignora unha solución que xa ten sobre a mesa e que non require de grandes investimentos, senón de vontade política.
«Isto non é un problema de falta de recursos económicos, é unha falta total de xestión e de respecto polos compromisos adquiridos coas institucións e coa cidadanía», denúnciase dende a organización.
Dende a firma en 2023, o avance foi nulo. De non actuar de xeito inmediato, o municipio corre o risco de perder a cesión en menos de un ano sen terlle dado ningún uso ao terreo, revertendo a propiedade á Confraría sen ter solucionado o problema de mobilidade da zona.
Esíxese ao goberno local que asuma a súa responsabilidade, licite as obras de acondicionamento de xeito urxente e non deixe morrer un proxecto vital para o barrio por pura desidia.