A loita por unhas condicións dignas non queda impune en Arenal Perfumerías. A compañeira da tenda de Ribadeo, cunha traxectoria de 20 anos na empresa, foi despedida alegando supostos motivos organizativos. Nada máis lonxe da realidade. Este cesamento non é máis que unha represalia por ter esixido, xunto ás súas compañeiras, a apertura do protocolo de acoso ante os continuos abusos da responsable da tenda.
A cronoloxía dos feitos é clara: as traballadoras denunciaron os abusos, a empresa viuse obrigada a abrir un protocolo, para logo deixalas nunha situación de total desamparo durante meses, desoíndo os seus correos. Non foi até que as afectadas deron un paso adiante denunciando a empresa por atentar contra os seus dereitos fundamentais cando o protocolo se «resolveu» de forma ficticia.
“Cerrar un protocolo en falso despois de meses de silencio non borra o acoso. Castigar a quen denuncia é a proba máis clara de que a súa única intención é a de amedrentar ás traballadoras”, denuncian desde a CNT.
A incongruencia da empresa é evidente. Na propia carta de despedido, Arenal Perfumerías recoñece que as vendas na tenda de Ribadeo aumentaron perto de 100.000 € do ano 2.024 ao 2.025. Con todo, xustifican o despido por causas organizativas por un descenso do beneficio (os beneficios no ano 2.025 foron de 340.000 euros). O obxectivo non é outro que eliminar á unha das traballadoras que puxo en evidencia a situación de acoso.
A CNT xa ten un longo historial de loita nesta empresa. Foi a Sección Sindical do sindicato a que conseguiu, tras denunciar, que a Inspección de Traballo obrigase a Arenal Perfumerías a poñer uns vestiarios que cumplisen a lei, cobro de atrasos, horas extras… Estas vitorias previas converten ás traballadoras da sección da CNT nun branco para a patroal, como demostra o despedimento da compañeira.
Arenal Perfumerías non só acosa ás súas empregadas, senón que agora despide a quen o denuncian.
“Se tocan a unha, tocan a todas”
Ante este ataque, a CNT non vai permanecer de brazos cruzados. A loita pola readmisión inmediata da compañeira é xa unha causa central para o sindicato na comarca da Mariña.
Esiximos:
- A readmisión inmediata da traballadora.
- O fin da campaña de represalias contra as persoas que denuncian acoso.
A empresa debe entender que a loita pola dignidade no traballo non se silencia cun despedimento. Pola contra, organizámonos!