O PP de Lugo leva ao pleno unha petición para arranxar o Camiño da Granxa en Puga, en Benade

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao pleno deste mes un rogo para que o Concello de Lugo actúe no Camiño da Granxa, na zona de Puga, parroquia de Benade, onde a veciñanza leva anos reclamando unha solución para este acceso que presenta un estado de abandono.

Os populares explican que a situación é moi preocupante, con baches que ocupan practicamente toda a calzada, ausencia de drenaxe e un firme en moi mal estado, incluso é imposible que pasen camións afectando directamente a unha granxa avícola da zona.

Desde o PP lembran que xa solicitaron en dúas ocasións que se actuase nesta pista coñecida como Camiño da Granxa. En outubro de 2024, o Goberno local tomou en consideración a petición, pero un ano despois, en setembro de 2025, a resposta foi que “o calendario, orzamento e as obras realizaranse nos tempos e no cronograma que nos permitan os servizos e os recursos humanos ou os servizos e tamén a climatoloxía”.

“Dous anos, dúas respostas que nada concretan e ningún avance. Este é un exemplo de como se xestiona o PSOE e o BNG no concello de Lugo”, sinalan os populares.

Neste sentido, subliñan o seu labor de insistir ata que as demandas da veciñanza teñan resposta: “Non imos deixar de reclamar solucións porque non é razoable que unha necesidade básica leve anos sen atenderse”.

Por este motivo, o Grupo Popular levará de novo esta cuestión ao pleno a través dun rogo, co obxectivo de que o Goberno local actúe con urxencia e poña fin a unha situación que afecta directamente ao día a día dos veciños e veciñas da zona.

Comparte éste artículo
No hay comentarios