O 79-80 final certifica o sétimo posto na liga para os betanceiros.
Fin de traxecto. O 5 de outubro do ano pasado daba arranque a liga da Tercera FEB (antiga liga EBA) e este 18 de abril, logo de 26 xornadas, a competición chegaba ao remate da súa fase regular. As matemáticas non adoitan fallar e, logo de sumar un 50% de vitorias e deixar o ránking nun 13/13, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos conseguiu a sétima praza dun grupo de catorce equipos, igualando así a súa segunda mellor clasificación histórica na categoría conseguida na temporada 20/21, ben que daquela con 11 equipos en competición. (A mellor clasificación dos betanceiros foi unha quinta praza na temporada 17/18, segundo ano de Abdou Thiam no conxunto). Para iso, e quérese dicir a consecución da sétima praza, tampouco é que o resultado do sábado 18 fose determinante, xa que tanto Chantada coma Sigaltec perderon os seus partidos. Aínda así, os de Betanzos non quixeron despedir a temporada sen vitoria, e nun partido en que chegaron a estar 22 puntos abaixo, os de José Amando Soviético pasaron ao “modo remontada”, e cun tiro libre anotado a falta de poucos segundos de Abelleira, conseguiron levarlle a vitoria a un Obradoiro ao que se lle resisten os minutos finais dos partidos: 79-80.Así valoraba o encontro o adestrador betanceiro: “O partido comezou con moi pouca intensidade pola nosa parte, tanto en ataque como en defensa, o que nos levou ao descanso con 14 puntos de desvantaxe. O terceiro cuarto incrementamos a intensidade e melloramos o noso ataque, pero tras un sensacional cuarto período, anotando 34 puntos e encaixando 19, conseguimos lograr a décimo terceira vitoria na competición. Destacar o traballo de todos os xogadores en todos os adestramentos durante a temporada, o que nos permitiu ser un equipo con maiúsculas e poder competir a meirande parte dos partidos da temporada”.
Polo lado individual, excepcional partido de Abelleira, que se obrigou así mesmo a xogar malia as molestias musculares que arrastraba, asinando 34 puntos e 37 de valoración cun 7/10 en triplas, e outro día máis na oficina para un Randolph Acevedo (14 puntos e 12 rebotes) que devolveu con creces esta temporada a confianza depositada nun xogador que a pasada temporada xogaba en Segunda Autonómica. Fin de temporada regular, como se dixo, nun ano en que Marín, xunto con Xiria, Universidade de Oviedo e Perfumerías Avenida intentarán clasificarse para a fase de ascenso a Segunda FEB (antiga LEB plata) e na que, se os ascensos do grupo non o remedian, descenden a Primeira Nacional Ulla Oil Rosalía, Estudiantes de Lugo, Navia, Solgaleo Bosco e Obradoiro, con Chantada pendente do que faga o San Pablo Burgos en ACB.