Coordina o grupo Materials and renewable energy for engineering, environment and sustainability (MARES) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol e imparte docencia na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
A coordinadora do grupo de investigación Materials and renewable energy for engineering, environment and sustainability (MARES) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC) e profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Laura Castro Santos, vén de ser nomeada Catedrática de Universidade na área de Construcións Navais. Convértese así na primeira muller en acadar este nomeamento en Galicia e a segunda en España, por detrás da investigadora e profesora da Universidad Politécnica de Madrid (UPM), Teresa Leo Mena.
A día de hoxe, no Campus Industrial de Ferrol é a primeira e única Catedráticade Universidade na Área de Construcións Navais e a segunda en activo en obter o que é o máximo rango na carreira académica universitaria en España. De feito, a coordinadora do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), María José Abad López, obtivo este nomeamento, na área de Física Aplicada, en outubro de 2022.
Laura Castro Santos (Betanzos, 1985) é enxeñeira industrial e doutora internacional pola Universidade da Coruña (UDC). Cursou un máster en Enxeñaría Marítima na institución herculina, en Xestión e Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) na Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Prevención de Riscos Laborais, na Universidad Camilo José Cela (UCJC), e, por último, un posgrao Citius de Iniciación Profesional na Empresa, na Universidad Autónoma de Madrid (UAM).
Ao longo da súa traxectoria, realizou varias estadías de investigación, entre elas, no Laboratório Nacional de Energía e Geología (LNEG) e no Centre for Marine Technology and Ocean Engineering (CENTEC), ambos os dous situados en Lisboa, Portugal. A súa investigación céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas tales como a enerxía eólica mariña, a enerxía undimotriz, os sistemas híbridos de enerxía mariña ou aenerxía solar mariña.
Froito desta actividade investigadora obtivo o Primeiro Premio do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia (Icoiig) en 2009, o Premio ao Mellor Póster no Congreso DeepWind en Noruega no ano 2013 e o IX Premio de Investigación González Llanos na área de Enxeñaría Naval en 2014. Uns anos máis tarde, en 2025, foi elixida, xunto con outros 9 científicos e científicas de distintos puntos de España, para participar no Programa Emparellamento Científico co Congreso dos Deputados, organizado pola Oficina C e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
Nos anos 2024 e 2025, Laura Castro Santos foi incluída na World’s Top 2% Scientist List que elaboran conxuntamente a Stanford Universty e a editorial académica Elsevier. Esta clasificación identifica ao 2% do persoal investigador máis influínte a nivel internacional nas súas áreas de traballo.