Pilar García Porto destacou que esta iniciativa “invítanos a achegarnos a unha realidade complexa e profundamente humana a través da linguaxe universal do cinema, que ten a capacidade de emocionar, de interpelar e tamén de xerar reflexión”.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, presentaron este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o ciclo de cinema euroárabe AMAL en Ruta Lugo 2026, que se desenvolverá na sede provincial entre os meses de maio e xuño e, que nesta nova edición, estará centradona situación do pobo palestino.
Pilar García Porto destacou que a Deputación reedita a súa colaboración con este proxecto cultural, que “nos invita a achegarnos a unha realidade complexa e profundamente humana a través da linguaxe universal do cinema, que ten a capacidade de emocionar, interpelar e xerar reflexión”. Sinalou ademais que desde a institución provincial “cremos firmemente no papel da cultura como ferramenta de transformación social”, e subliñou que iniciativas como Amal en Ruta “permítennos abrir fiestras ao mundo, coñecer outras realidades e, sobre todo, comprender mellor aquilo que nos pode parecer distante”.
A Deputada provincial enmarcou esta proposta nun contexto internacional especialmente sensible, marcado pola violencia e polo sufrimento da poboación civil. Neste sentido, declarou que a cultura convértese nun espazo necesario “para achegarse a estas realidades, escoitar as súas voces e comprender mellor o que está a acontecer, desde o respecto aos dereitos humanos, á dignidade e á paz”.
Un ciclo centrado na realidade palestina
Esta edición de AMAL en Ruta 2026 está dedicada integramente á realidade palestina e estrutúrase arredor de cinco eixos fundamentais para a súa comprensión histórica e contemporánea: Gaza, a Nakba, a ocupación, as persoas refuxiadas e as protestas polo xenocidio.
Baixo o lema Todas somos Palestina. Unha ollada a través do cine, o ciclo propón unha selección de cinco filmes —tres longametraxes e dous documentais— que ofrecen unha mirada crítica e comprometida sobre a identidade palestina, a resistencia cultural e as dinámicas sociais do seu día a día.
Segundo sinalou García Porto, trátase dunha “oportunidade para escoitar, mirar con máis atención e seguir construíndo unha sociedade baseada no respecto e na convivencia”. A Deputada concluíu reafirmando o compromiso da institución provincial co apoio a iniciativas culturais que fomenten o diálogo intercultural e o pensamento crítico, contribuíndo ao desenvolvemento dunha cidadanía máis consciente e comprometida.
Proxeccións e calendario
As proxeccións celebraranse no Salón de Actos da Deputación os días 5, 12, 19 e 26 de maio e o 2 de xuño, convertendo o espazo institucional nun punto de encontro arredor do cinema e da reflexión social.
O ciclo abrirase o 5 de maio con This is Gaza, de Tom Besley, que retrata a guerra entre Israel e Hamás a través da mirada do cineasta palestino Yousef Hammash. O 12 de maio proxectarase Jenin, Jenin, de Mohammed Bakri, no que o director regresa ao campo de refuxiados de Jenin máis de dúas décadas despois da súa obra anterior.
O 19 de maio será a quenda de The Time that Remains, de Elia Suleiman, unha peza que combina humor, ironía e surrealismo para abordar a vida baixo a ocupación. O 26 de maio proxectarase Notes onDisplacement, de Khaled Jarrar, centrada no desprazamento dunha muller palestina dende Damasco a Europa a través da ruta dos Balcáns.
O ciclo pecharase o 2 de xuño con The Encampments, de Kei Pritsker, documental sobre as protestas estudantís en apoio a Palestina iniciadas na Universidade de Columbia en 2024 e estendidas a nivel internacional.