CCOO asina o convenio do comercio vario de Pontevedra con avances en salarios, conciliación e dereitos laborais

Estes logros non son froito de concesións gratuítas, senón do traballo constante na mesa de negociación e da presión exercida

CCOO informa do asinamento do novo convenio colectivo do comercio vario da provincia de Pontevedra, culminando un proceso de negociación longo e esixente que permitiu consolidar avances relevantes para o conxunto das persoas traballadoras do sector.

Este acordo foi posible grazas á responsabilidade e á firmeza na negociación, malia o ruído interesado doutros actores; esta firmeza e empeño na negociación foi o elemento clave para facer fronte a unha patronal que durante meses mantivo bloqueadas cuestións fundamentais.

O convenio asinado hoxe incorpora avances concretos e medibles, entre os que destacan:

Melloras salariais. Incremento de salarios e avance na integración progresiva do plus téxtil, que melloran a estrutura retributiva.

Consolidación do plus transporte. O plus transporte pasa a formar parte do salario base, reforzando dereitos consolidados.

Cobertura en baixas médicas. Garantía do 100 % do salario real en situacións de incapacidade temporal.

Descanso diario. Establécese un descanso de 20 minutos computado como tempo efectivo de traballo en xornadas superiores a cinco horas consecutivas.

Fins de semana. Aumento progresivo do descanso ata acadar 18 fins de semana completos (sábado e domingo) ao ano antes de 2029, o que supón un avance claro en conciliación.

Organización do traballo

• Diferenciación entre quendas de mañá e tarde.

• Mellora na planificación de calendarios laborais.

Domingos e festivos

• Mantense o carácter voluntario.

• Retribución do 125 % sobre a hora ordinaria para quen traballe.

Desde CCOO sublíñase que este convenio supón un avance real en dereitos, conciliación e estabilidade laboral, nun sector especialmente tensionado nos últimos anos.

Ao mesmo tempo, o sindicato quere poñer en valor que estes logros non son froito de concesións gratuítas, senón do traballo constante na mesa de negociación e da presión exercida durante todo o proceso.

CCOO reafirma o seu compromiso de seguir avanzando na mellora das condicións laborais do sector, sinalando que este acordo é un paso importante pero non o final do camiño, xa que se continuará traballando para incorporar outros subsectores do comercio dentro do ámbito do comercio vario de Pontevedra.

Finalmente, destácase que a unidade sindical foi decisiva para alcanzar este resultado, demostrando que a acción conxunta é a ferramenta máis eficaz para defender os intereses das traballadoras e traballadores..

O convenio de comercio vario de Pontevedra aglutina, entre outros, os seguintes subsectores de actividade:

• Comercio por xunto de téxtiles

• Comercio por xunto de pezas de vestir e calzado

• Outro comercio polo miúdo non especializado

• Comercio polo miúdo de téxtil

• Comercio polo miúdo de artigos deportivos

• Comercio polo miúdo de xogos e xoguetes

• Comercio polo miúdo de pezas de vestir

• Comercio polo miúdo de calzado e artigos de coiro

• Comercio polo miúdo doutros produtos novos

• Comercio polo miúdo de artigos de segunda man

Comparte éste artículo
No hay comentarios