O Pleno do Concello de Verín, celebrado este venres, deu luz verde por unanimidade a varias medidas de marcado carácter social, destacando a exención de taxas municipais para residencias de persoas maiores e o reforzo do apoio ao deporte base e aos servizos sociais.
Medida de apoio ás persoas maiores
O punto máis relevante da sesión foi a aprobación unánime da proposta para iniciar o procedemento de modificación das ordenanzas fiscais co obxectivo de establecer a exención de taxas municipais ás residencias de terceira idade sen ánimo de lucro.
Esta medida afecta a servizos básicos como o abastecemento de auga, a recollida de residuos ou o saneamento, e busca recoñecer o labor social destas entidades e contribuír ao benestar dun colectivo especialmente vulnerable .
Dende o goberno municipal sublíñase que se trata dun paso importante para apoiar a quen presta un servizo esencial á veciñanza.
O alcalde, Gerardo Seoane, destacou que se trata dunha medida de xustiza, ao estar as taxas actuais pensadas para fogares convencionais e non para centros que atenden a decenas de persoas.
«O que buscamos é adaptar a normativa á realidade das residencias e recoñecer o seu papel social, revisando as taxas máis relevantes para facelas máis xustas», sinalou.
Impulso ao deporte base
No ámbito deportivo, o Pleno aprobou tamén por unanimidade a concesión dunha subvención de 75.000 euros ás Escolas Deportivas do Concello de Verín, destinada ao desenvolvemento das actividades da tempada 2025/2026.
Segundo sinalou o concelleiro responsable da área de Deportes, Diego Lourenzo, esta achega permitirá seguir fomentando a práctica deportiva entre a infancia e a mocidade, «reforzando a oferta de actividades e o acceso ao deporte base para todos os nenos e nenas do municipio.»
Reforzo dos Servizos Sociais municipais
Na mesma liña, a corporación acordou tamén por unanimidade acollerse ao incremento da achega autonómica para o financiamento do servizo de axuda no fogar, garantindo así a continuidade e mellora dun servizo clave para as persoas en situación de dependencia .
Outros asuntos tratados no Pleno
Outros asuntos
Durante a sesión abordáronse tamén outros puntos de carácter económico e administrativo, como recoñecementos extraxudiciais de crédito, a aprobación da Conta Xeral 2024 ou a concertación dunha operación de crédito para investimentos municipais.
Nestes asuntos, os acordos saíron adiante cos votos a favor do grupo de goberno (PSOE e BNG) e co voto en contra do Partido Popular.