“En política non todo vale”, advirte Besteiro, e anticipa que dentro dun ano “volverá a Lugo un goberno das boas persoas”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou hoxe de “operación indigna e inmoral” a moción de censura coa que o Partido Popular pretende arrebatarlle a Alcaldía de Lugo aos socialistas co apoio dunha edila non adscrita, e advertiu de que esa manobra “non vai ter éxito” porque non poden “mercar a cidade”.

Besteiro pronunciouse a preguntas dos medios nun acto sobre sanidade celebrado en Ourense, despois de que miles persoas enchesen onte a Praza Maior de Lugo baixo o lema «Democracia si, transfuguismo non».

A protesta, convocada pola plataforma cidadá Transfuguismo Non, Democracia Si, congregou tamén a alcaldes e alcaldesas da provincia, ás rexedoras da Coruña e de Santiago, e a representantes de organizacións sociais e culturais da provincia. Tras 27 anos de goberno socialista en Lugo, o PP busca recuperar a Alcaldía nun pleno extraordinario convocado para o vindeiro 7 de maio. De saír adiante a moción, a portavoz popular Elena Candia accederá ao bastón de mando dunha cidade que o PP non goberna dende 1999.

Besteiro saudou aos “miles de veciños de Lugo, e tamén de fóra de Lugo” que se concentraron en defensa da democracia, e tivo unha lembranza para os tres compañeiros do grupo socialista falecidos durante este mandato: a alcaldesa Paula Alvarellos, e os concelleiros Pablo Permuy e Olga López. As tres baixas no grupo socialista deron paso á entrada de María Reigosa, que herdou o acta tras o falecemento de Permuy e que agora, xa fóra do partido, comprometeu o seu voto co PP para tombar o goberno municipal de Miguel Fernández.

“Foi un día para dicirlle ao Partido Popular alto e claro que esa operación indigna e inmoral de moción de censura, apoiándose nunha tránsfuga, non vai ter éxito”, afirmou o líder dos socialistas galegos.

De cara ás próximas municipais, Besteiro avisou: “Dentro dun ano volvémonos a ver, e volverá outra vez un goberno das boas persoas, un goberno democrático respaldado pola inmensa maioría dos veciños e das veciñas”. Porque, advertiu, “en política non todo vale».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios