Os betanceiros dominaron de principio a fin a final contra Terra Cha: 68-60.
Broche de ouro para a temporada regular de La Goleta Santo Domingo Betanzos. Chegaban os betanceiros á final da Liga Coruña-Ferrol-Lugo de Terceira División Autonómica cunha bagaxe de 21 vitorias en 21 partidos e o 22o non ía supor ningunha sorpresa. Vixésimo segunda vitoria consecutiva para os máis veteranos do club e un campionato máis para os xogadores dirixidos por Javier Blanco Rivera, quen alterna as súas funcións de adestrador con participacións en pista. O rival, o Terra Cha Cidade de Lugo, que comparecía na final tras perder só un partido non foi rival para un La Goleta que estivo por diante en todo momento tras un espectacular arranque de partido (20-5 a falta de catro minutos para o remate do 1Q). Intentaron os lucenses meterse no partido, levando o segundo e o terceiro lance por 16-18 e 15-21, achegándose a 5 puntos a final do 3Q e comezos do 4Q, pero os de Betanzos, grazas a un envexable banco para a categoría, souberon dosificar as vantaxes, levalas á ducia de puntos nos últimos minutos e controlar o tempo de partido deica o remate.
Gran partido de Will Pereiro, centrado de principio a fin no encontro (23 puntos), e boa segunda parte dun Sergio Gómez (14 puntos) que colleu o relevo anotador de Luke Gibson nos primeiros cuartos (10).
Remata así a temporada regular para un dos equipos sénior masculino de Terceira Autonómica do club (o outro quedou 10o tras a derrota por 85-54 fronte a ADFRO) e avecíñase agora unha interesante Fase de Ascenso a Segunda na que os de Betanzos terán que ver as caras con equipos do Sur da Comunidade Autónoma no que promete ser un apaixonante fin de temporada.