Rubén Arroxo destacou que recuperar os apelidos orixinais é “un acto de xustiza” coa lingua e coa memoria, animando a facelo ao tratarse dun proceso “sinxelo”.
O BNG de Lugo levou a súa campaña “Pronúnciate” ata as portas dos xulgados da cidade para visibilizar e defender o dereito da cidadanía a recuperar os seus nomes e apelidos en galego, nun acto simbólico co que quixo chamar á mobilización social en favor da lingua.
A iniciativa, impulsada polo Bloque Nacionalista Galego, busca promover a galeguización da onomástica como unha forma de reparar unha “inxustiza histórica” derivada da castelanización imposta e avanzar na normalización lingüística.
Neste contexto, a organización nacionalista trasladou a campaña a Lugo, onde militantes e cargos públicos acudiron aos xulgados para reivindicar que o proceso de cambio de nomes e apelidos a través do Rexistro Civil debe ser coñecido, accesible e asumido con normalidade pola sociedade.
O portavoz do BNG Lugo, Rubén Arroxo, destacou que recuperar os apelidos orixinais é “un acto de xustiza” coa lingua e coa memoria, animando a facelo ao tratarse dun proceso “sinxelo”. Na mesma liña, Xavier, militante de base do partido, subliñou que é “un xesto de compromiso coa lingua” e incidiu na rapidez do trámite, que pode facerse en poucos días ou mesmo en minutos por vía dixital.
Pola súa parte, Maite Ferreiro apelou á recuperación da identidade, e lembrou que xa galeguizou o seu nome e defendeu “non dar nin un paso atrás” na dignificación dos nomes en galego para as novas xeracións.
Baixo o lema “Pronúnciate! Con nome e apelidos en galego”, o BNG anima así á veciñanza a galeguizar a súa identidade oficial como un xesto de compromiso coa lingua e coa identidade colectiva, combinando accións informativas, mobilización social e reivindicación institucional.