Este domingo, 3 de maio, a Casa-Museo Manuel María organiza unha camiñada-descuberta pola parroquia de San Fiz de Paz, situada nas extremas do concello de Outeiro de Rei, facendo lindeiro cos termos municipais de Castro de Rei e Lugo. A andaina polas terras de onde era orixinaria a familia do compositor e músico Xoán Montes, será acompañada pola lectura de distintos poemas de Manuel María.
A camiñada, que comezará ás 9.30 da mañá, será dinamizada polo divulgador cultural Orlando Viveiro e ten unha distancia de cinco quilómetros e unha dificultade baixa. O itinerario decorrerá, entre outros, pola capela dos Remedios, asentada á beira do antigo camiño real que ía desde Lugo en dirección a Castro e a Mondoñedo; pola Abeladoira, lugar por onde pasaban os cacharreiros de Bonxe camiño das feiras de Castroverde; polo Castro de Dumpín, abrigado entre carballeiras sombrizas.
A actividade é gratuíta mais é necesario inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.