Arroxo: «O movemento do PP é un auténtico escándalo, estamos a vivir unha situación inédita que vai totalmente en contra do sentir cidadán»

Arroxo: «O movemento do PP é un auténtico escándalo, estamos a vivir unha situación inédita que vai totalmente en contra do sentir cidadán»

 As concelleiras e concelleiros do BNG participaron, xunto con preto de 3.000 veciñas e veciños, na mobilización convocada pola plataforma Transfuguismo Non, Democracia Si antes da entrada do pleno municipal de maio. Arroxo comezou a súa intervención agradecendo a asistencia da multitude de veciñas e veciños e afirmou que «hoxe é un día máis de defensa da democracia».

«Hoxe vemos unha gran resposta cidadá despois de xuntarse neste mesmo sitio máis 6.000 persoas o pasado venres», dixo Rubén Arroxo, quen afirmou que «á xente non lle está gustando nada este golpe á democracia, este golpe de Estado municipal», e destacou a gran participación «nunha cidade como Lugo, na que lembremos sempre que é unha cidade difícil de mobilizar, porque en Lugo somos xente tranquila»

«É por iso que vemos a miles de veciñas e veciños de Lugo saír en masa a defender a democracia, porque independentemente da ideoloxía que poida ter cada quen, independentemente de a quen lle vote cada quen, a xente que está estes días indignada é porque segue crendo na democracia e segue crendo que os cidadáns son os que teñen que decidir quen lles debe gobernar», dixo Arroxo.

O portavoz do BNG afirmou que «non se pode entender baixo ningún concepto estas traizóns que aparecen na política, como podemos ver nestes días, e como se desvirtúa totalmente o mandato popular». Segundo Arroxo, «é un auténtico escándalo, e máis na situación ética na que se dá, despois de tres falecementos, despois dese escurantismo, e despois de ver como se estaba a falar dunha posible praza que pode ser como o obxecto do que se dá a cambio esta moción de censura».  Arroxo rematou a súa intervención afirmando que «estamos a vivir unha situación totalmente escandalosa, inédita e que dende logo vai totalmente en contra do sentir cidadán».

Proposición do BNG

Arroxo defendeu a proposición do BNG para reclamar á Xunta «unha desculpa institucional» ás traballadoras e traballadores galegos «polas graves acuisacións emitidas polo Presidente da Xunta durante o Debate do Estado da Nación Galega celebrado a semana pasada no Parlamento».  O BNG presentou unha proposición que foi aprobada no pleno municipal na que se reclama «unha desculpa institucional ás traballadoras e traballadores que foron acusados de prolongar a duración das baixas médicas». Ademáis, o BNG pide «un reforzo do persoal sanitario que garanta o correcto funcionamento do sistema evitando calquera forma de privatización».  A proposición foi rexeitada co voto do PP e da concelleira tránsfuga.

Arroxo afirmou que as declaracións do presidente da Xunta teñen como obxectivo «presentar o absentismo como un problema que eleva os custes económicos e prexudica as empresas e xustificar medidas coas que recortar dereitos, empeorar as condicións de traballo e deteriorar a saúde laboral das persoas traballadoras». Segundo Arroxo, «esta postura busca avanzar na privatización da sanidade pública».

«Para o PP, as e os traballadores galegos son vagos e maleantes e os médicos que dan as baixas, defraudadores, estas declaracións son gravísimas», dixo Rubén Arroxo, que engadiu «o que ten que facer o PP para garantir o correcto funcionamento do sistema é reforzar o persoal da sanidade pública galega, non criminalizar os traballadores e traballadoras, e moito menos abrir a porta a que as mutuas fagan negocio dos dereitos laborais».

Comparte éste artículo
No hay comentarios