O BNG de Castroverde critica a intención do goberno do PSOE de restrinxir o uso do pavillón municipal e pide aclaracións sobre a posta en marcha de escolas deportivas

Iria Castro “Restrinxir o uso do pavillón municipal supón un paso atrás na promoción do deporte  no concello cando estamos a falar de limitar o uso dunha instalación municipal que debe estar ao servizo da veciñanza.

O BNG de Castroverde leva tempo traballando a prol do deporte base do concello con diferentes propostas, como ter unhas escolas deportivas municipais ou mellorar as subvencións a entidades, diferenciándoas entre entidades culturais e deportivas.

Tras ver o documento que se enviou ás familias onde se subliña que as actividades deportivas que se van realizar no pavillón municipal só serán as organizadas exclusivamente polo goberno municipal, non se entende que se adopten medidas que deixarían fóra a asociacións, clubs de fútbol e outros colectivos que empregan habitualmente estas instalacións. 

Iria Castro, voceira municipal do Bng , considera que “esta decisión supón un paso atrás na promoción do deporte e da participación comunitaria. O pavillón é un recurso público financiado con diñeiro de todas e non se pode restrinxir o uso libre do mesmo sen antes facer unha motivación razonada dos motivos polos cales toma esta decisión unilateral sen antes falar con todos os actores implicados”. 

A formación nacionalista advirte de que as continuas restricións do uso do pavillón sen motivo e, alén diso, este recorte, afectaría a continuidade de equipos que aglutinan moitos nenos e nenas do concello e que levan anos contribuíndo á dinamización social e deportiva do concello.

Así mesmo, o BNG insta ó goberno a rectificar esta medida e garantir o acceso a todas as actividades, ó igual que fai con outras infraestruturas municipais como o campo de fútbol ou o centro sociocultural.

Por outra parte, o anuncio de que van poñer en marcha escolas municipais é dubidoso porque nos orzamentos 2026 non figura ningunha partida específica destinada á creación das escolas. Iria Castro sinala que “resulta cando menos sorprendente que se anuncien iniciativas que non están recollidas nos orzamentos municipais, o que xera dúbidas sobre a súa viabilidade real”.

Dende o BNG reclamamos unha planificación seria das actividades deportivas municipais, unha planificación baseada en realidades e compromisos verificables que aseguren servizos á veciñanza e un acceso libre, estable e de calidade ó deporte base.

Comparte éste artículo
No hay comentarios