O BNG reclama a liberación inmediata das persoas detidas por Israel e urxe o Goberno a actuar con firmeza

Rego Candamil exixe liberar Saif Abukeshek e Thiago Ávila e a implicación do Goberno para despregar todas as actuacións necesarias para ese fin.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia unha nova escalada represiva do Estado de Israel contra a Global Sumud Flotilla e reclama a liberación inmediata dos activistas detidos. No concreto, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe a posta en liberdade de Saif Abukeshek e Thiago Ávila, “secuestrados e torturados polos criminais sionistas”, ao tempo que demanda ao Goberno do Estado que actúe con contundencia.

Após manter contacto coa delegación galega da flotilla, o BNG tivo coñecemento de que, após o ataque producido ao sur de Kalamata (Grecia), Israel procedeu á detención de varios activistas participantes na misión internacional de solidariedade con Palestina.

Para o deputado do BNG no Congreso, esta é “unha nova acción criminal do Estado de Israel que non só atacou embarcacións civís en augas internacionais, senón que agora mantén persoas activistas ilegalmente detidas”.

“O Goberno do Estado non pode permanecer impasíbel. Ten a obriga de garantir a protección e a seguranza das persoas cidadás afectadas e de actuar diplomaticamente para conseguir a súa inmediata liberación” sinala o deputado nacionalista.

O deputado do BNG subliña que estes feitos constitúen “un acto de piratería internacional e unha grave vulneración dos dereitos humanos” que se suma á longa lista de crimes atribuídos ao Estado de Israel. Por iso, reitera a necesidade de levar a súa cúpula política e militar ante a Corte Penal Internacional.

A formación nacionalista expresa a súa solidariedade coa Global Sumud Flotilla e co conxunto das persoas represaliadas, e lanza unha mensaxe clara: “Reclamamos a liberdade de Saif Abukeshek e Thiago Ávila, activistas da Global Sumud Flotilla secuestrados e torturados polos criminais sionistas. Abonda xa de impunidade”.

Para concluír, Néstor Rego insiste en que “o Estado español debe romper relacións con Israel dunha vez por todas” ao considerar insuficientes as medidas adoptadas até o momento.

Comparte éste artículo
No hay comentarios