A arqueoloxía regresa ao Castelo dubrés de Portomeiro

O proxecto científico ‘Castelos no aire’ comeza este luns 4 unha nova campaña de escavación arqueolóxica no Castelo de Portomeiro (Val do Dubra), centrada na ampliación das áreas xa estudadas e na identificación de novas estruturas do xacemento altomedieval.

A intervención insírese no proxecto ‘Estratexias de Control Territorial en la Gallaecia Altomedieval (ConTroGAL)’ que dirixe o investigador Mario Pereiro Fernández (SÍNCRISIS-CISPAC-USC) así como en ‘Escenarios de negociación y conflicto en espacios de gestión comunal’ (PID2024-155273NB-C43) que coordinan a investigadora Margarita Fernández Mier, da Universidade de Oviedo, e o investigador José Carlos Sánchez Pardo, de CISPAC-USC, e conta co apoio económico do grupo de investigación Aevum da USC.

Todas estas persoas expertas dirixen a campaña, que contará cun equipo interdisciplinar de arqueoloxía e persoal especializado en traballo de campo e ademais, como novidade, participarán tamén sete estudantes de mestrado de Arqueoloxía e do grao de Historia da Universidade de Santiago, reforzando a dimensión formativa da intervención.

O traballo centrarase no sector central do xacemento, coa ampliación da escavación no denominado Edificio 1. O obxectivo é completar a exhumación das estruturas xa identificadas en campañas anteriores e avanzar na definición da súa planta e da súa relación co resto do complexo arquitectónico. Tamén será importante o estudo da cerámica do período altomedieval que este xacemento está a achegar.

Para Mario Pereiro, esta nova campaña permitirá afondar no coñecemento da organización deste “excepcional asentamento, cunha primeira fase de época castrexa e unha segunda etapa como fortificación da alta idade media, un período para o que aínda hai poucos xacementos suficientemente ben coñecidos e escavados en Galicia”.

Foto de portada: Foto: Víctor Vicente (Veterum Arq.)

Comparte éste artículo
No hay comentarios